A Secretaría de Comunicación salienta a importancia das novas tecnoloxías na súa oferta formativa de 2007
luns, 2 de abril do 2007
Hoxe en día os profesionais do audiovisual non só están en certa maneira obrigados a atender ás novidades que son froito dunha evolución intrínseca ó seu sector, senón que tamén teñen que cubrir outra fronte, e non é unha fronte calquera: a do sector das novas tecnoloxías, sector no que programas, trebellos ou sistemas caducan case antes de que afondemos ó cen por cen nas súas posibilidades. Co fin de facilitar no posible esta case continua tarefa de actualización tecnolóxico-audiovisual, a Secretaría Xeral de Comunicación vén de reforzar a súa achega formativa e de integrala nun único eixo, a través do traballo conxunto dos seus seguintes órganos: o Consorcio Audiovisual de Galicia, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e o Centro Multimedia de Galicia.
Esta achega de cursos, relatorios e obradoiros, que se está a pór ó alcance da man dos profesionais do sector mediante un único libro que os compendia (Catálogo de Formación Audovisual 2007), foi presentada este luns polo miúdo nun acto celebrado no Convento de San Francisco en Santiago e que contou coa presenza de Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación; Manuel Xosé Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual; Fernando Méndez-Leite, director da Escola Cinematográfica e do Audiovisual da Comunidade de Madrid e de Josep Maixenchs, director da Escola Superior de Cinema e Audiovisual de Cataluña.
Os cursos van dirixidos sobre todo ós profesionais pero complétanse cunha serie de actividades que poden intereresar ó público galego en xeral. Segundo sinalou Fernando Salgado, o gran obxectivo é “poñer a disposición das empresas, dos profesionais e dos técnicos as ferramentas axeitadas para lle dar resposta ó desafío dun mundo, o da imaxe, enormemente competitivo”. As actividades presentadas tocan temas variados e algunha delas entra de cheo no terreo da Sociedade da Información e das novas canles de distribución e de presentación o audiovisual. Algúns destes cursos xa comezaron, pero na súa meirande parte están aínda por desenvolver.
· Audiovisual nas aulas. Organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia. Data: setembro de 2006. Custo: de balde. Lugar de celebración: Colexios de Galicia.
· Curso de Posgrao CICA (Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais). Organiza: Consorcio Audiovisual de Galicia. Data: novembro 2006 a xuño 2007. Lugar: Facultade de Comunicación Audovisual da UDC.
· A Realidade como relato. Organiza o CGAI na súa sede. Do 15 ó 19 de xaneiro.
· Vídeo na Internet. Organiza o Centro Multimedia de Galicia. Do 15 de xaneiro de 2006 ó 8 de febreiro. Custo: de balde. Lugar: Rede de Telecentros de Comunicación.
· Monográfico de inglés audiovisual. Organiza a Consellería de Educación e o Consorcio Audiovisual de Galicia. Lugar: EOI Santiago de Compostela. Datas: do 30 de xaneiro ó 28 de marzo.
· Xornadas de pitching. Organiza CICA e Consorcio Audiovisual de Galicia. Lugar: Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña. Datas: 23 e 24 de febreiro e 13 e 14 de abril. O prezo é gratuíto.
· Unha lectura de Historie(s) du cinéma de Jean-Luc Godard. Organiza o CGAI na súa sede. Datas: do 26 de febreiro ó 2 de marzo.
· Software libre para xerar contidos multimedia. Organiza o Centro Multimedia de Galicia a través da súa Rede de Telecentros. Datas: do 26 de febreiro ó 14 de marzo. Prezo: de balde.
· Introdución á industria do videoxogo. Organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia na sala de audiovisual do Centro Multimedia de Galicia. Do 12 ó 16 de marzo.
· Voz (para actores). Organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE. Lugar: sala de audiovisual do CMG. Do 19 ó 30 de marzo.
· Voz (para xornalistas). Organiza o Consorcio Audiovisual, no CMG, entre o 19 e o 30 de marzo.
· Software libre para xerar contidos multimedia: Gimp. Organiza o CMG, entre o 19 de marzo e o 3 de abril. É de balde.
· Xestión e promoción de contidos audiovisuais. Organiza o CGAI entre o 26 e o 30 de marzo.
· Monográfico de inglés audiovisual. Organizan a Consellería de Educación e o Consorcio Audiovisual de Galicia. Lugar: EOI de Santiago, entre o 10 de abril e o 30 de maio.
· Software libre para xerar contidos multimedia: Inkscape. Organiza o CMG entre o 11 de abril e o 3 de maio. Custo: de balde.
· Obradoiro de prácticas escénicas. Organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fac. de Ciencias da Comunicación da USC, nesta mesma Facultade. De abril a xullo. Prezo: de balde, previa reserva do espazo.
· Como se fai unha curtametraxe. Organizan o Consorcio Audiovisual de Galicia e KIMUAK (Filmoteca Vasca) na sala de audiovisual do Centro Multimedia de Galicia. Entre o 7 e o 11 de maio.
· Edición de son con Pro-Tools. Organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia no Estudio Red Rocks Audio de Padrón, entre o 7 e o 31 de maio.
· Software libre para xerar contidos multimedia: Blender. Organiza o Centro Multimedia de Galicia a través da súa Rede de Telecentros, entre o 7 e o 24 de maio. Prezo: de balde.
· Programa de Aplicacións Interactivas para DVB: MHP. Organiza o CMG a través da súa Rede de Telecentros. Entre o 30 de maio e o 21 de xuño. Prezo: de balde.
· Cine e modernidade. As transformacións da percepción. Organizan o CGAI e o Museu del Cinema de Girona na sede do CGAI. Data: 26 de xuño. Prezo: de balde.
· Xornadas de Casting. Organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia no mes de xuño.
· Nas marxes da narratividade. Organiza o CGAI entre o 9 e o 10 de xullo.
· Desenvolvemento de proxectos de documental. Organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia no mes de setembro.
· Dobraxe e lingua. Organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia e APRADOGA, nos meses de setembro e outubro.
· Posibles reescrituras da Historia do Cine: o final dun relato mítico. Organiza o CGAI entre o 22 e o 26 de outubro.
· Interpretación. Organiza o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE, no segundo semestre de 2007, en horario intensivo.
· Iniciación á dobraxe. Organiza o Consorcio e a Fundación AISGE. No segundo semestre de 2007.
· Dirección de actores. Organiza o Consorcio e a Fundación AISGE. No segundo semestre de 2007.
· Steady-cam. Organiza o Consorcio na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, durante o segundo semestre de 2007.
· Desenvolvemento de proxectos de telefilmes. Organiza o Consorcio. No segundo semestre.
· Dirección artística. Organiza o Consorcio na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, durante o segundo semestre de 2007.
· III Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual. Organizan o Consorcio, o Seminario Galego de Educación para a Paz, Pé de Imaxe, Universidade de Santiago, Consellería de Educación e Secretaría Xeral de Comunicación. No mes de decembro. Prezo: de balde.
