A Switch permitirá xogar a títulos para Nintendo 64 e Mega Drive

venres, 24 de setembro do 2021 Marcus Fernández

A pasada noite emitiuse un novo Nintendo Direct cargado de novidades, entre as que destacou especialmente unha nova subscrición de Nintendo Switch Online, que estará dispoñible a finais de outubro e que dará acceso a un catálogo en crecemento de xogos clásicos de Nintendo 64 e SEGA Mega Drive, poñéndose tamén á venda réplicas dos mandos destas consolas que funcionan sen fíos na Nintendo Switch, buscando así replicar do xeito máis fiel posible a experiencia de xogo destas plataformas clásicas. Custarán 49,99 euros cada un.
Polo momento Nintendo xa confirmou que o novo paquete de expansión abrirá o acceso a xogos de Nintendo 64 como Super Mario 64, The Legend of Zelda: Ocarina of Time, Mario Kart 64, The Legend of Zelda: Majora’s Mask, F-Zero X, Kirby 64 e Paper Mario, así como títulos para Mega Drive como Golden Axe, Strider, Sonic 2, Streets of Rage, Shinobi III, Ecco the Dolphin e Castlevania: Bloodlines, entre outros, polo que os amantes do xogo retro terán aquí unha interesante fonte de diversión nostálxica.
Outra nova que causou moito rebumbio durante o Nintendo Direct, con grande repercusión en redes sociais, foi o anuncio de que o filme de Super Mario que está a producir Illumination (estudio detrás dos filmes de Gru) con Nintendo, estrearase no Nadal de 2022 e contará cun reparto de voces de luxo (Chris Pratt porá voz a Mario, Anya Taylor-Joy á princesa Peach e Jack Black a Bowser). Polo momento non amosaron ningunha imaxes desta película de animación que promete converterse en todo un fenómeno.
No vídeo tamén deron conta de novidades sobre numerosos xogos, como Kirby y la tierra olvidada (que verá a luz na primavera de 2022), Splatoon 3 ou Monter Hunter Rise: Sunbreak (dispoñible en 2022), aínda que o máis rechamante relativo a novos xogos foi, sen dúbida, a publicación das primeiras imaxes de Bayonetta 3, título anunciado en decembro de 2017, do que non se sabía máis que o título, e que finalmente chegará a Switch en 2022.

Vídeo completo do Nintendo Direct da pasada noite

PUBLICIDADE