A Switch terá unha edición especial de Diablo III

luns, 15 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Un dos anuncios máis importantes para a Nintendo Switch deste ano foi que teríamos en tal plataforma unha versión do xogo Diablo III de Blizzard, o que sería especialmente relevante polo feito de que o Blizzard non tería feito ningún xogo para unha consola de Nintendo dende o ano 2000, cando lanzou StarCraft 64.
Para aproveitar o pulo deste xogo, decidiron lanzar tamén un lote de edición limitada da consola co xogo, que non se limitará a incluír Diablo III, senón que estaremos ante unha edición personalizada da Nintendo Switch en cor gris son serigrafías con deseños do xogo na traseira da consola e na base; e cunha funda de transporte. A Diablo III: Eternal Collection incluirá o código de descarga co xogo, todas as expansións do xogo e tamén unha armadura exclusiva de Ganondorf.
Esta consola en edición limitada sairá á venda á vez que o xogo, o 2 de novembro, estando confirmado o seu prezo de 359,99 dólares nos EE.UU.

Vídeo promocional da edición limitada da Nintendo Switch co gallo do lanzamento de Diablo III

PUBLICIDADE