A TVG, a EITB e 3Cat anuncian unha serie que se rodará nas 4 linguas oficiais do Estado

mércores, 18 de xuño do 2025 Redacción

As televisións públicas de Euskadi (EITB), Cataluña (3Cat) e Galicia (TVG) anunciaron hoxe, no marco do foro Conecta Fiction & Entertainment, a súa colaboración para poñer en marcha Pensión Incompleta, un proxecto de ficción sen precedentes no panorama audiovisual estatal: será a primeira serie rodada nas catro linguas oficiais do Estado, con galego, éuscaro, catalán e castelán como idiomas orixinais de produción.
Esta ficción (aínda en fase de desenvolvemento e cun inicio de rodaxe previsto para finais deste verán) supón tamén a primeira coprodución de ficción liderada exclusivamente por estas tres corporacións públicas, que se unen para dar forma a un proxecto común cunha forte pegada cultural, perspectiva territorial e vocación internacional.
A serie contará coa participación da produtora galega Voz Audiovisual, cunha ampla traxectoria en proxectos de ficción, que se encargará da xestión da rodaxe e da execución do plan de produción. Ademais, contará con financiamento a través da AGADIC.
A proposta desenvolverase a partir dun guión colaborativo, elaborado por profesionais de Galicia, Euskadi e Cataluña, cun enfoque que aposta por integrar diferentes visións e sensibilidades locais, promovendo a diversidade cultural e lingüística como eixes narrativos. Trátase dunha fórmula que abre novas vías de colaboración interterritorial e que reforza o valor das identidades propias.
Pensión Incompleta estrutúrase como unha road movie que atravesará os tres territorios históricos, con rodaxes en localizacións reais de Galicia, Euskadi e Cataluña. Alén da súa carga simbólica, este percorrido pretende contribuír á posta en valor do patrimonio cultural, artístico e paisaxístico das tres comunidades.
A serie representa unha clara aposta pola innovación nos modelos de coprodución pública, cun deseño aberto a futuras colaboracións. Non será só un contido de entretemento, senón tamén un paso decisivo cara a unha maior cooperación cultural e industrial entre televisións autonómicas con vocación de servizo público.
O proxecto foi presentado esta tarde en Cuenca por responsables de contidos das tres canles implicadas –Montse Besada (TVG), Gorka García (ETB) e Oriol Sala-Patau (3CAT)– e narrará unha historia que arranca cun grupo de entrañables viaxeiros do IMSERSO que, inesperadamente, pasan a ser os principais sospeitosos da desaparición de varias obras de arte. Será unha serie coral, dirixida a todos os públicos, que se estreará nas pantallas dos tres territorios en 2026.