A TVG celebra os seus 40 anos nunha gala que poderá verse en antena o Día de Galicia
mércores, 23 de xullo do 2025
A Televisión de Galicia celebrou os seus corenta anos cunha gala especial que reuniu máis dun milleiro de convidados no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. O evento, titulado Día G e conducido por Xosé Ramón Gayoso, Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar, foi unha homenaxe emotiva e participativa á traxectoria da canle pública. Poderase ver na noite do venres 25 de xullo, coincidindo coa celebración do Día de Galicia, en horario de máxima audiencia.
Ao acto asistiron representantes institucionais, profesionais do sector audiovisual e traballadores da canle, tanto en activo como xa retirados. Entre as autoridades presentes atopábanse o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
A gala ofreceu un percorrido pola historia da TVG a través de figuras emblemáticas da súa programación e actuacións musicais de artistas destacados como Luz Casal, Treixadura, Xil Ríos, Tanxugueiras, Heredeiros da Crus, Ortiga, D’Ninghures, Malvela ou G Face, entre outros.
Unha programación especial para celebrar a identidade galega
O 40 aniversario da TVG estenderase durante varios días cunha programación especial. O xoves 24 emitirase en directo a entrega das Medallas de Galicia, que este ano recoñecen aos alcaldes de Porto e Braga, Rui Moreira e Ricardo Rio. Esa mesma noite, o espazo Mirade arriba, presentado desde a praia de Silgar en Sanxenxo por David Espiño e Rocío Delgado, incluirá unha coreografía aérea con máis de 200 drons e unha narración conmemorativa da historia da canle. O día pecharase cunha conexión en directo cos Fogos do Apóstolo desde a Alameda, a Cidade da Cultura e o parque de Carlomagno.
O venres 25, Día de Galicia, a cobertura especial continuará coa retransmisión da Ofrenda ao Apóstolo desde a Catedral de Santiago, na que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, exercerá como delegado rexio.
A cultura galega, no centro da celebración
Tamén formarán parte da programación dúas longametraxes galegas: Amigos ata a morte, de Javier Veiga, e Salta!, filme familiar de ciencia ficción protagonizado por Marta Nieto e Tamar Novas. O domingo 27, o espazo No Foco dedicará unha edición especial aos 40 anos da TVG, mentres programas como Treixaromaría (xoves 24) e Búscate nas festas (sábado 26) ofrecerán novas perspectivas sobre a relación entre a canle e a súa audiencia ao longo destas catro décadas.
Os programas da túa vida
Na plataforma de vídeo baixo demanda AGalega tamén está a celebrar o 40º aniversario da TVG cunha sección na que recuperan unha chea de programas que marcaron épocas. Falamos de espazos como Ruada, O mellor, Arestora, Sitio distinto, Supermartes, Chambo, A repanocha, Con perdón, O rei da comedia, Somos unha potenzia, Historia de Galicia, Zapping comando, Air Galicia, Hai debate, Alalá, Ben falado!, Criaturas, Era visto e moitos outros que deixaron pegada no audiovisual galego e que agora podemos ver con comodidade e, no caso dos programas máis antigos, cunha calidade de imaxe inédita.
Ana Peón, conselleira da CSAG; Pedro Rojo, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia; Ana Méndez, directora xerente de Galicia Calidade; José López, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Mª Concepción Pombo, directora xeral da CSAG; Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Henrique Monteagudo, presidente da RAG; Mª Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo de Santiago; e Jacobo Sutil, director de AGADIC asistiron á gala.
