A TVG e a TVG2 chegan a Orange TV

luns, 8 de setembro do 2025 Marcus Fernández

A guía da programación de Orange TV recolle as novas canles da Galega

As canles de televisión dispoñibles a través de plataformas audiovisuais de operadores de telecomunicacións non sempre coidan a súa oferta autonómica, e en non poucas ocasións as versións que ofrecen das canles autonómicas son as que corresponden ao mercado internacional, o que fai imposible seguir boa parte da programación. Precisamente por iso é de agradecer que este mes Orange TV actualizase a súa oferta de canles autonómicas e, aparte das canles autonómicas que tiña dispoñibles no descodificador coas numeracións entre a 193 e a 197 (as versións internacionais da Canal Sur Andalucía, Telemadrid, TV3 ETB e a TVG), incorpora un novo bloque de canles entre as numeracións 272 e 276, destacando o feito de que entre as novas canles figuran a TVG e a TVG2, facilitando que os usuarios do servizo poidan gozar da oferta completa da Galega a través da TDT.
Cómpre lembrar que a TVG e a TVG2 están dispoñibles a través da plataforma AGalega.gal, polo que melloraron a súa dispoñibilidade, aínda que o feito de que cada vez poidan recibirse a través de máis operadores de telecomunicacións fai máis doado o consumo dos seus contidos.