A TVG estrea un espazo musical nas súas canles dixitais

luns, 12 de xuño do 2023 Marcus Fernández

A Televisión de Galicia está a estrear un novo programa destinado ás súas canles dixitais, No carro da música, cun formato nativo de redes sociais e para redes sociais con entrevistas a bandas e artistas emerxentes que cantan en galego, escollidos pola súa presenza no novo panorama musical.
No carro da música recollerá a nova vaga de cantantes e grupos que están a facer música na nosa lingua, dirixíndose esta proposta musical á audiencia máis nova, coa que buscan conectar con cores vivas e unha linguaxe acorde ás redes sociais.
Este novo programa está presentado por Clara Rial e dirixido por Xulia Lomba, e a súa primeira entrega está dedicada a Mondra, un músico multidisciplinar cuxo proxecto conforma unha experiencia musical, visual e performativa que establece un diálogo sen prexuízos coa música tradicional galega.

Primeira entrega de No carro da música