A TVG participa nun debate sobre o futuro da TDT en Europa

mércores, 30 de marzo do 2022 Redacción

Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG e secretario xeral de CIRCOM, a rede de televisións públicas rexionais europeas, participou hoxe nunha xornada de debate sobre o uso da banda Sub-700 MHz na contorna televisiva europea, organizada por DG Connect, a Dirección Xeral de Redes de Comunicación, Contido e Tecnoloxía da Comisión Europea.
Ojea interviu na mesa A importancia da TDT para os medios de servizo público, xunto con Francesco Pitton, representante do grupo consultor VVA, e Janne Holopainen, director de regulación de YLE, a canle pública finlandesa. A xornada tivo lugar en modo virtual e reuniu unha vintena de expertos de organizacións e canles europeas, que debateron e presentaron os seus puntos de vista arredor do futuro da TDT en Europa, no marco do estudo que a UE está a desenvolver neste eido. Cuestións técnicas, regulatorias e mesmo do cambio nos hábitos de consumo dos espectadores son outros temas tratados nos distintos relatorios ao longo da xornada. A Comisión Europea organizou este encontro ante a reunión que a Conferencia Mundial de Radiocomunicacións celebra a final deste ano e que vai estudar a posible concesión de frecuencias que agora usa a televisión para servizos móbiles. Asistiron 300 expertos do sector de toda Europa.
Fernando R. Ojea defendeu o principio de CIRCOM de que os medios públicos deben ser accesibles a toda a audiencia e en todas as plataformas, para o que necesitan suficiente espectro de frecuencias. Polo tanto, expuxo que "o actual status da TDT debe continuar ata 2030 ou mesmo alén desa data”, mentres a TDT vai progresando tecnoloxicamente e para asegurar unha presencia e prominencia dos medios públicos que doutra maneira non estaría garantida.