A UDC organiza este xoves unha editatona para incrementar a presenza feminina na Galipedia

mércores, 11 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Coincidindo coa longa listaxe de actividades reivindicativas a prol da igualdade e o recoñecemento das mulleres, actividades que culminaron este domingo (Día Internacional da Muller Traballadora) e repuntaron días antes co Días da Nena e a Muller na Ciencia e a Tecnoloxía, a Universidade da Coruña, a través da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte, está a organizar unha serie de accións que buscan visualizar ao máximo a contribución feminina ao ámbito STEM. Por exemplo a cita deste xoves 12 na Facultade de Informática: unha editatona para aumentar o número de mulleres na Wikipedia en galego, a Galipedia.
Para quen non o saiba, unha editatona é unha reunión de persoas que se xuntan para editar na Wikipedia, tanto de forma presencial como virtual. O propósito desta convocatoria é diminuír a fenda de información dixital existente incorporando 50 novas mulleres relevantes á Galipedia.
A convocatoria de mañá será nos laboratorios 0.1 e 0.2 da Facultade de Informática, ás 16:00 horas, cunha duración prevista de dúas horas, nun obradoiro coordinado pola profesora Laura Castro. Baixo o desafío de 50 mulleres máis na Galipedia farase primeiro unha breve introdución á edición da Wikipedia en galego para despois “proceder á edición de novos artigos sobre mulleres relevantes”, informou a Vicerreitoría, dando conta do sitio web específico desta xuntanza en concreto.

PUBLICIDADE