A UNESCO estrea a súa Biblioteca Dixital Mundial con 11 millóns de entradas
martes, 21 de abril do 2009
A Organización das Nacións Unidas para a
Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), nunha aposta sen igual por facer de
Internet unha ferramenta para a conservación do patrimonio cultural da
Humanidade, vén de por en marcha a súa Biblioteca
Dixital Mundial, unha iniciativa que, entre outras cousas, ten como
finalidade incrementar a calidade e a diversidade dos contidos culturais na
Rede, e o que é máis importante, de balde.
O proxecto parte do pasado 2007, cando a UNESCO
e máis a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos asinaron un acordo para a
creación dunha Biblioteca Dixital Mundial a través da que dixitalizar materiais
excepcionais e raros procedentes de bibliotecas e institucións culturais do
mundo enteiro, para seren difundidos gratuitamente por Internet.
Agora a iniciativa vén de comezar a
funcionar e os documentos dixitalizados inclúen manuscritos, mapas, libros,
partituras musicais, gravacións sonoras, filmes, gravados, fotografías,
películas…
A ferramenta funciona nas seis linguas
oficiais das Nacións Unidas: árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso,
así como tamén en portugués, e conta cun sistema de navegación e procura por lugar,
data, tema e institución participante.
A idea de crear a BDM foi do director da
Biblioteca do Congreso de Estados Unidos, James Billington, quen está
convencido de que, ademais de fomentar o diálogo intercultural e o entendemento
internacional, esta ferramenta “vai
incrementar o volume de contidos de alta calidade dispoñibles de balde na
Rede”.
Entre os grandes retos a afrontar, figura
tamén o de facilitarlle aos países en desenvolvemento equipos para a dixitalización
de materiais de arquivos e bibliotecas, de xeito que todas as nacións e rexións
poidan participar e ter representación na Biblioteca Dixital Mundial.
Esta web, que como é evidente so porá a
disposición dos internautas os documentos de dominio público para evitar conflitos
que pudieran xurdir en relación aos dereitos de autor, dispón xa de 11 millóns
de ítemes dixitalizados, que están a disposición dos usuarios e usuarias dende
hoxe.
A UNESCO, aínda que xa convidou a
representantes das bibliotecas nacionais de África, Asia, América, Europa e
Oriente Medio, só ten sumadas á súa iniciativa a Biblioteca de Brasil, a
Alejandrina e a Nacional de Exipto, así como as Bibliotecas Nacional e Estatal
de Rusia e a Dixital Iberoamericana e Caribeña, postas en marcha hai anos pola
propia UNESCO.
O pouco que se sabe do prototipo da
futura web é, segundo
puidemos ler no xornal Ecodiario, que se caracterizará por incluir un motor
de procuras en múltiples línguas, que conterá varias posibilidades de
recuperación e visualización de materiais, que ofrecerá cronoloxías e mapas, e
incluso que ofrecerá presentacións exhaustivas efectuadas por universitarios e
especialistas en conservación.
