A USC convídanos a reflexionar da importancia de ter (ou non) competencias TIC

martes, 12 de setembro do 2017 Redacción

Saber até que punto as tecnoloxías poden supor un novo factor de exclusión social, unido aos que xa existían previamente (a procedencia do rural fronte ao urbano, a nacionalidade, a etnia, o sexo, a idade, etc) é un dos grandes obxectivos das I Xornadas internacionais IncluyeT, que veñen da man do grupo de investigación Stellae da Universidade de Santiago e que se celebran esta mesma semana, os días 13 e 14 de setembro, na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida). Os encontros, en palabras da organización, servirán para debater sobre a importancia de termos competencias dixitais en todos os ámbitos formativos e o papel que estas desempeñan na inclusión social dos cidadáns.
As xornadas están dirixidas á comunidade educativa, especialmente ao profesorado, persoal investigador, familias e crianzas. Outro dos obxectivos é crear un marco para partillar experiencias sobre como dar forma á competencia dixital, o papel da familia, a escola e a contorna e a súa importancia na inclusión/exclusión social. A asistencia é aberta e de balde, previa inscrición na web. Indo ás xornadas en cuestión, dicir que botan a andar mañá (mércores 13 setembro) ás 17 horas cun relatorio de Inés Dussel (profesora do Departamento de Investigacións Educativas do CINVESTAV-IPN, México) titulado A inclusión dixital desde a escola: significados experiencias e perspectivas. De seguido realizaranse dous obradoiros encamiñados a nais, pais e profesorado, un centrado na creación de contidos e outro na seguridade na rede.
En canto á xornada do xoves 14, a sesión de tarde comezará coa presentación de experiencias docentes centradas no desenvolvemento da competencia dixital. Logo haberá unha mesa redonda coa presenza de investigadores/as da USC, Salamanca e a Autónoma de Madrid. Ás 19:45 h Jordi Adell (profesor da Universidade Jaume I de Castelló e director do Centre d’’Educació i Noves Tecnologies desa cidade) encargarase de pechar o encontro coa conferencia titulada Cara a un docente dixital crítico.
Engadir que estas xornadas se atopan inseridas no marco do proxecto CDEPI (Competencia Dixital en estudantes de educación obrigatoria. Contornas socio-familiares, procesos de apropiación e propostas de e-inclusión) dirixido polo grupo Stellae e subvencionado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

PUBLICIDADE