A USC edita un libro dixital con múltiples olladas ao ceo nocturno

xoves, 19 de xullo do 2018 Redacción

A Universidade de Santiago vén de editar un libro dixital que nos achega ao coñecemento da nosa bóveda celeste vista dende unha óptica nocturna e colectiva. Trátase de Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno, que inclúe preto de 100 imaxes sobre outras tantas perspectivas do firmamento tralo solpor. O libro foi presentado onte pola USC e no acto fíxose saber que estamos ante unha obra que, ante todo, reivindica a necesidade de recuperarmos (virtual e literalmente falando) as estrelas. Ou sexa, que é unha obra-denuncia contra a contaminación lumínica.
Segundo informaron Salvador Bará Viñas e Jorge Mira Pérez, profesores do Departamento de Física Aplicada da USC e coordinadores do libro, o centenar de imaxes contidas no libro son “unha escolma dos mellores fotógrafos do ceo nocturno de Galicia” e achega “a súa ollada particular para esta obra, que nos advirte que por riba das nosas cabezas hai unha beleza na que cómpre reparar”. Asinan as imaxes do libro Óscar Blanco, Ana García, Daniel Llamas, Daniel Lois, Alfredo Madrigal, Pablo M. Alemparte, Fernando Rey, Ángel R. Arós e Alba Rodríguez.
Inicialmente presentado en versión galegas, o libro terá no futuro versións en castelán, inglés e portugués.
En formato dixital, o libro deuse a coñecer nunha rolda de prensa na que tamén participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés; e Óscar Blanco en representación dos fotógrafos que presentan os seus traballo na obra. Blanco reivindicou a obra dixital como “unha chamada de atención sobre o valor do ceo como paisaxe pola súa extraordinaria beleza e como un recordatorio de que formamos parte dun sistema composto por millóns de estrelas, nebulosas e astros”.

PUBLICIDADE