A USC sitúase esta semana no centro do debate sobre a Intelixencia Artificial

mércores, 26 de xuño do 2019 Redacción

As tecnoloxías intelixentes serán as nosas grandes acompañantes no futuro próximo. Serán algo máis ca iso: poderán ter a capacidade que a nós nos falta de emendar problemas científicos, ambientais, médicos, sociais e comunicativos. Destas capacidades e desta convivencia seres humanos-máquinas que xa se está percibindo vaise falar nas Xornadas sobre Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano que organizan este xoves e venres a Universidade de Santiago e a Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft de Valencia.
A cita desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Transformación da educación por e para a Intelixencia Artificial. As anteriores edicións celebráronse en Valencia e Granada.
As xornadas abrollan dun punto concreto: a experiencia de máis de 200 expertos de distintas áreas da investigación e a docencia universitaria, que teñen debatido sobre os retos que formula a IA e aos que deberían facer fronte as políticas públicas nesta materia. Esta é unha iniciativa enmarcada nas actividades da Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft da Universitat de Valencia cuxa organización acomete a USC coa colaboración do seu Centro singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e da Rede Empresa e Administración.
No que se refire aos obxectivos das xornadas, o director da Cátedra Microsoft, Ricard Martínez, considera que “a universidade española enfróntase ao reto de ser un dos motores no liderado da investigación e a educación en materia de IA; este labor esixe abordar un deseño educativo orientado ás competencias dixitais”.
A respecto da relevancia do evento, o director do CiTIUS, o profesor Senén Barro, engade que “as tecnoloxías intelixentes, como a aprendizaxe automática, o Big Data ou o Internet das Cousas, están a cambiar rapidamente o tipo de habilidades que requiren os profesionais e afectando cada vez de modo máis intenso ao emprego”. Neste sentido, Barro lembra que a UNESCO incide na necesidade de “revisar os programas académicos para incorporar as habilidades dixitais e as chamadas soft skills”. E engade: “As máquinas serán cada vez máis intelixentes e xa están a demostrar máis competencia cás persoas en moitas tarefas nas que de maneira paradoxal insistimos na educación. Debemos ensinar aos nosos mozos aquilo que máis nos diferencia das máquinas, como a creatividade ou o pensamento crítico, ou acabarán facendo o traballo para o que usar unha máquina aínda saia máis caro”, salienta Senén Barro.
No encontro que se celebrará en Compostela este xoves 27 e o venres 28 está prevista a participación dun centenar de persoal experto de máis de vinte universidades españolas, representantes da Conferencia de Reitores, así como da administración tanto autonómica como estatal e dos sectores empresariais e profesionais.
Programa
A primeira sesión deste encontro celebrarase no Hotel AC Palacio do Carmen o xoves 27 e arrincará coas intervencións de benvida do profesor Senén Barro, de Gabriel López, en representación de Microsoft, e do profesor Ricard Martínez. De seguido, celebrarase un primeiro coloquio ao redor da estratexia nacional de IA e sobre o grao de desenvolvemento da I+D+i neste ámbito, da man do asesor en Ciencia e Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Manuel González, e do profesor da Universidade de Granada Francisco Herrera, respectivamente.
O venres 28 o reitor da USC, Antonio López, presidirá ás 9.10 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito a sesión inaugural das xornadas. Canda el está prevista a intervención da conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar; do subdirector de Ciencia, Innovación e Universidades, Pablo Martín; de Ricard Martínez; e de Gabriel López. Logo, desenvolveranse as distintas sesións previstas e agrupados ao redor de tres bloques temáticos: a formación en IA dos profesionais STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e do profesorado, así como dos futuros profesionais do dereito e da economía e a empresa.

PUBLICIDADE