A UVigo incrementa esforzos para captar máis alumnado en Telecomunicacións
luns, 18 de setembro do 2023
Académicos, estudantes e profesionais do sector
de telecomunicacións reflexionaron o pasado venres 15 de setembro en
Vigo sobre a situación dunha profesión que está en pleno auxe e
cunha moi elevada demanda de profesionais pero con menos vocacións
das que serían desexábeis. Fixérono ao
coincidir na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da
Universidade de Vigo a
reunión plenaria da Conferencia de Enxeñaría de Telecomunicación,
CODITEL, e o congreso
anual do Consejo Estatal de Estudiantes de Telecomunicación,
CEET, o que, por primeira vez na historia de ambos encontros, uniu no
mesmo lugar os tres actores fundamentais deste sector: estudantes,
académicos e colexios profesionais.
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, explicou
que a institución atópase nunha situación que pode parecer
paradoxal, xa que, por unha banda, conta cunha Escola de Enxeñaría
de Telecomunicación moi exitosa, chea de referentes femininos e cun
centro de investigación propio (o centro atlanTTic), e que, pola
contra, padece “tamén eses dous grandes problemas que afectan a
día de hoxe a esta profesión: captación global de estudantes e,
especialmente, captación de estudantes mulleres”, sinalou
engadindo que “nin sequera cubrimos as prazas que ofertamos, cando
en realidade tería que haber auténticas pelexas para matricularse
aquí e estar captando os mellores currículos”.
En canto ao nesgo de xénero Reigosa indicou que,
aínda que parecía que se camiñaba na dirección correcta e que a
escola se ía achegando a ter tantas mulleres matriculadas como
homes, nos últimos anos produciuse un retroceso, unha diminución da
matrícula feminina. “Isto é unha preocupación importante para
nós”, recoñeceu Reigosa.
Como posíbeis vías de solución, o reitor puxo
sobre a mesa a necesidade de analizar modificacións dos plans de
estudos, e insistir máis no carácter social, e non só técnico da
profesión.
Por outra banda, alertou de que moitas veces
poñamos énfase de máis no aspecto técnico, “e non estamos a ser
capaces de facer ver a importancia que as telecomunicacións teñen
para os seres humanos, cando en realidade as novas investigadoras e
investigadores están traballando en temas de saúde a distancia, de
coidados de maiores, de persoas enfermas… pero parece que damos a
impresión de que estes profesionais son xente moi técnica”.
No caso da directora da escola, Rebeca Díaz,
salientou tamén a necesidade de emprender accións que vaian na liña
de incrementar o interese por esta titulación por parte do alumnado
preuniversitario, “de maneira que teñan esta opción moi en conta
á hora de decidir a que dedicarse ou que estudar”.
Manolo Sierra, presidente de CODITEL, destacou a
importancia de que docentes, colexios e estudantes vaian da man, “o
mellor xeito de saber cara onde debe camiñar a profesión”, algo
que tamén agradeceu o presidente do CEET, Andrés Torres. Desde os
colexios profesionais Evaristo Río, en nome do COIT, e Luis Miguel
Chapinal, do COITT, lembraron que “detrás de cada chamada de
teléfono, detrás de cada ordenador, de cada estudo de televisión…
detrás de todo aquilo que se chama telecomunicacións hai persoas,
enxeñeiras e enxeñeiros, e iso é o que desde o colexio
profesionais tratamos de facerlle ver á sociedade”.
A reunión anual do Consello Estatal de Estudantes
de Telecomunicación reuniu a semana pasada na escola viguesa a medio
cento de estudantes chegados de 22 universidades de todo o territorio
nacional. Ao longo destes cinco días tiveron a posibilidade de
debater sobre os diferentes plans de grao que afectan ás
telecomunicacións, isto é: grao coa mención en electrónica, grao
coa mención en son e imaxe, grao coa mención en sistemas, grao coa
mención en telemática e dobre grao.
Dentro da programación do congreso tivo lugar no
Museo Verbum Casa das Palabras a feira
ExpoTIC, onde empresas do sector das TIC impartiron relatorios
ponencias de alto nivel.