A UVigo celebra o 8M coa entrega do Premio Uviguala 2024 a Elas Fan CienTec

venres, 8 de marzo do 2024 S. P.

Por ser “un exemplo da implicación activa das docentes e investigadoras da Universidade de Vigo a prol da igualdade de xénero”, a institución académica viguesa concedeu o Premio Uviguala 2024 a Elas Fan CienTec, iniciativa que naceu no 2017 no Campus de Vigo da man das profesoras Ana Mejías, Verónica Salgueiriños e Soledad Torres e grazas a cal cada ano organízanse en torno á celebración do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, múltiples obradoiros que achegan a ciencia e a enxeñaría ás rapazas dos institutos e centros escolares de toda a provincia.
A entrega desta distinción, que recoñece o compromiso das e dos membros da comunidade universitaria coa igualdade, tivo lugar este xoves na sala 1 do edificio Miralles no acto institucional de celebración do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, nunha gala presidida polo reitor, Manuel Reigosa, amenizada pola actuación da poetisa Silvia Penas, e que tivo como protagonistas ás tres almas máter de Elas Fan CienTec: Ana Mejías Sacaluga, docente da Escola de Enxeñería Industrial e membro do grupo de investigación Rede, Investigación en Economía, Enerxía e Medio Ambiente; Verónica Salgueiriño, profesora da Facultade de Química e líder do grupo de investigación Nanomateriais Híbridos, do CINBIO; e Soledad Torres Guijarro, docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia de atlanTTic.
A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, foi a encargada de ler a acta da comisión que acordou “por unanimidade” conceder esta distinción á iniciativa Elas Fan CienTec, entre outros motivos, “polo compromiso de xénero que leva demostrado este programa desde o ano 2017”, “porque ten un alto impacto na comunidade universitaria, nos centros educativos e nos medios de comunicación”, “por combater o efecto Matilda na ciencia, facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas para que actúen como referentes” ou “por traballar por converter a nosa universidade nun lugar acolledor e seguro”.
Fixo tamén fincapé Águeda Gómez, en que se ben estas tres docentes foron as que promoveron a iniciativa, o galardón a Elas Fan CienTec é un premio colectivo, “porque son moitos os centros, moitas as profesoras, moitas as investigadoras e as alumnas implicadas”.

PUBLICIDADE