A UVigo estrea campaña publicitaria nas redes
luns, 10 de xuño do 2024
A nova campaña de comunicación institucional da Universidade de Vigo ven de facerse pública, trátase dunha acción comunicativa que chega baixo o lema: Máis UVigo, e está protagonizada polos personaxes da súa Canle de TikTok, UVigoShow. Está encamiñada á mocidade galega de entre 17 e 23 anos, cun especial reforzo nas zonas nas que se atopan os tres campus, sendo o seu obxectivo potenciar a institución como primeira opción do potencial alumnado para realizar os seus estudos universitarios.
Desenvolverase entre os meses de xuño e xullo de acordo coas datas das convocatorias ordinarias e extraordinarias da ABAU e cos períodos clave de busca de titulacións universitarias e matriculación. Asemade, complementaranse dúas fases simultaneamente: unha de maior envergadura (que durará todo o mes de xuño), co fin de converter a UVigo nunha referencia para o público obxectivo principal, e outra fase (nas últimas semanas) nas que se buscará gañar a súa preferencia.
A través de diferentes pezas, as espectadoras e espectadores da nova campaña volveranse atopar con Jéssica, a nini viguesa (a quen a mascota Oli espertou a súa fibra académica no transcurso da miniserie da rede social onde se presentan de modo humorístico as titulacións da UVigo), imaxinándose enxeñeira ou filóloga. No audiovisual pódese apreciar que houbo unha evolución fronte á súa desidia inicial e que agora xa é unha persoa chea de soños nos que o seu futuro pasa pola formación nalgunha das titulacións que se imparten na UVigo.
Nunha segunda peza promocional, o seu compañeiro de andanzas, Álvaro, ten unha revelación para ampliar o seu negocio, grazas ás titulacións académicas que se imparten no campus de Ourense, un vídeo no que se volveu contar co apoio da Deputación de Ourense para promocionar e dinamizar os estudos deste campus.
A institución viguesa busca seguir reforzando o sentimento de pertenza a través da difusión das melloras en todos os eidos do liderado e reputación da Universidade de Vigo, desde a súa calidade investigadora e de transferencia de coñecemento até o seu compromiso coa ética, a lingua e a cultura do territorio no que se asenta.