A UVigo oferta un curso pioneiro en tecnoloxías de refalado interlingüístico

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Redacción

A Universidade de Vigo vén de presentar unha iniciativa pioneira de gran interese para as persoas, entidades e empresas que acostuman a comunicarse a través das ferramentas dixitais e precisan facelo en varias linguas e sen barreiras nin atrancos de comprensión para todos os implicados. Estamos a falar do que sería o primeiro curso do mundo especializado en refalado interlingüístico, un sistema empregado nos medios de comunicación para acadar servizos de accesibilidade a persoas con discapacidade auditiva e que mostra, dun tempo a esta parte, un importante potencial para -por exemplo- o eido das conferencias internacionais.
Segundo informa a UVigo, o refalado consiste en que o refalador reciba unha mensaxe oral e que logo esa mensaxe sexa traducida a outra, empregando a modalidade de interpretación simultánea pero coa particularidade de que no canto de transmitirse o contido a un público, directamente, este vaia dar a un software de recoñecemento de voz que, pola súa banda, proxecta nunha pantalla os subtítulos traducidos polo refalador (que se encargará de engadir signos de puntuación e outras indicacións para que os subtítulos sexan perfectamente lexíbeis para a audiencia).
Volvendo á actividade formativa da UVigo, trátase do I Curso de especialista en refalado interlingüístico (inglés-español) e comezará a impartirse o vindeiro 21 de xuño. Tratala iniciativa atópanse Luis Alonso Bacigalupe, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, e máis Pablo Romero, directores da actividade.
Ao longo de 200 horas e en formato on-line, o alumnado traballará cos vídeos e outros materiais que estarán pendurados na plataforma do curso. “Co primeiro módulo do curso de especialista o alumnado formarase na modalidade que se emprega para subtitular a case totalidade dos programas en directo nas diferentes canles da televisión española. Neste momento existe unha gran demanda de refaladores español-español e practicamente ningún curso dedicado a súa formación, pero o noso curso irá un paso máis adiante converténdose no primeiro do mundo en ofrecer formación en refalado lingüístico inglés-español”, detalla Bacigalupe.
O curso, que oferta un máximo de 10 prazas, está vinculado ao grupo de investigación Galma (Galician Observatory for Media Accessibility), o primeiro observatorio galego de accesibilidade aos medios. Composto por docentes da Universidade de Vigo e investigadores de diferentes países, Galma lidera ou participa en 14 proxectos internacionais de investigación e colabora con diferentes institucións como os gobernos de Canadá, Australia, Reino Unido ou a Xunta de Galicia e institucións como a BBC ou o National Theatre de Londres. Traballan ademais con grupos do ámbito tecnolóxico da Universidade de Vigo, como o liderado pola catedrática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Carmen García Mateo.

PUBLICIDADE