A Universidade da Coruña quere implicar a estudantes de todo o mundo no seu Festival de Vídeo
martes, 1 de abril do 2008
O ambiente universitario, sexa do país que sexa, é case sempre un fervedoiro de ideas máis ou menos alleas ó propiamente educativo. De feito, a creatividade é nestes casos unha manobra de evasión para non verse asolagado pola maré continua de contidos, materias e probas. Se a este potencial lle engadimos recursos tecnolóxicos de gravación de imaxes e son e de posterior distribución en Rede, entón xa están sentados unha boa parte dos alicerces para arrincar certames como o U.Frame, o Festival Internacional de Vídeo Universitario que xorde dun traballo en común entre a Universidade de Porto e a Universidade da Coruña.
A idea deste evento, a desenvolver do 1 ó 5 de outubro, é facer todo o posible para que no concurso participen pezas de alumnas e alumnos da meirande cantidade de países do mundo.
Máis polo miúdo, e segundo informan os organizadores en comunicados, o obxectivo é “estimular a creación de obras orixinais por parte de estudantes no eido do audiovisual e procurar a ampla concorrencia nacional e internacional”.
Aquilo que diferenza ó certame U.Frame do resto das propostas semellantes, amais do feito de xurdir no ámbito universitario e como colaboración entre institucións, radica no seguinte: na especificade das categorías. Nelas, mesmo teñen cabida as propostas no mundo virtual de Second Life e as creacións On-line (Media light). Asemade, e malia ter a vista dirixida cara ó presente e cara ó futuro, os responsables do certame tampouco esquecen o que nos fixo como somos: respectaranse categorías máis ou menos cotiás neste tipo de concursos, como Documental, Ficción, Animación e Experimental.
Premios
Os premios confirmados serán: Gran Premio do Xurado – Premio Caixa Geral de Depósitos: 2500 euros; Premio do Público – Premio El Corte Inglés: 1 Cámara de video dixital; Mellor documental – Premio TMN: Teléfono móbil 3G + 500 euros; Mellor Animación – Premio TMN: Teléfono móbil 3G + 500 euros; Mellor Ficción – Premio TMN: Teléfono móbil 3G + 500 euros; Mellor Experimental – Premio TMN: Teléfono móbil 3G + 500 euros; Mellor Second Life (premio a definir); Premio Media Light - Premio TMN: Teléfono móbil 3G + Expedición fotográfica a Marrocos; Premio Fantasporto: Exhibición dos mellores filmes na edición de 2009 do Festival Internacional de Cinema do Porto.
O xurado
O xurado do festival estará constituído por varias personalidades do medio como: Beatriz Pacheco Pereira, directora do Fantasporto (Festival Internacional de Cinema do Porto); Adriano Nazareth, realizador de cine e televisión e profesor na Facultade de Belas Artes da UP; João Mário Grilo, realizador, crítico de cinema e profesor na Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa; Antonio Sanjuán Pérez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña e Xaime Fandiño, director e realizador de cine e profesor na Universidade de Vigo.
Condicións
No concurso poden participar alumnos de Ensino Superior e graduados, que teñan rematado o curso hai menos dun ano. Todas as obras deberán ser orixinais cunha duración máxima de 25 minutos. As obras deberán ser, obrigatoriamente, dobradas ou subtituladas en portugués, galego, castelán ou inglés. Porén, é importante salientar que a competición On-line está aberta a todos os que desexen participar.
