A VI xornada InnovAmes foi un fervedoiro de ideas transformadoras (e premios)

venres, 20 de febreiro do 2026 S. P.

O Pavillón Polideportivo do Milladoiro acolleu na mañá deste venres 20 de febreiro a VI edición da xornada de innovación InnovAmes, un proxecto que vaia a máis na súa capacidade de atraer empresas locais e que este ano abriu horizontes ao convidar a compañías doutras localidades galegas.
Durante a mañá tamén asistiron arredor de 500 escolares dos centros educativos de Ames, así como representantes das tres universidades galegas e do centro de coworking A Proa. Destacou a presenza da secretaria xeral de Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Teresa Riesgo; do delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco; e o delegado especial da Zona Franca de Vigo, David Regades.
Ás 10.00 horas aproximadamente, o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz; a secretaria do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Teresa Riesgo; a deputada de Emprego e Industria, Rosa Ana García; e o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, abriron a xornada cun acto inaugural dirixido pola xornalista Loly Gómez.
Teresa Riesgo destacou que o InnovAmes “é algo moi importante, porque nestes espazos é onde se ven as cousas que intentamos cambiar”. Para Riesgo, “necesitamos ter unha capacidade de crear cousas, de dar servizos”, algo que se consegue con innovación: “a innovación é todo aquilo que ven dunha novidade, que está baseada no coñecemento e que ten un beneficio. A innovación prodúcese cando hai unha serie de conxuntos que están ben atados”.
O InnovAmes tamén foi eloxiado pola deputada de Emprego e Industria, Rosa Ana García: “este evento representa perfectamente o modelo de desenvolvemento que estamos traballando dende a Deputación da Coruña, baseado no coñecemento, na cooperación e na xeración de oportunidades no noso territorio. InnovAmes é moito máis que unha feira ou que unha cita técnica; é un espazo de conexión”.
Pola súa banda, o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, sinalou o bo facer do Concello de Ames, algo que nota “na capacidade para atraer talento, para xerar oportunidades e para crear un ecosistema de empresas, centros educativos e administracións onde todos colaboramos para construír ese futuro común”.
O obxectivo de InnovAmes foi unha vez máis achegar a toda a cidadanía as últimas tendencias no mundo da innovación, tecnoloxía ou o audiovisual da man das empresas do concello de Ames, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparten coñecementos e sinerxías para crear proxectos innovadores.
Ao longo de toda a xornada houbo diferentes charlas, mesas de debate, obradoiros, presentación de proxectos innovadores e ofreceuse información nos stands permanentes por parte das empresas, universidades e centros de ensino participantes.
Ao evento asistiron as empresas amesás Conic vascular – CAST, Ficción Producciones, Nanogap, Sinerxia, Cartogalicia, Impulsadixital, Werobots, Codery, Karbonius, Casalonga forestal y jardín, Emotionallight, Silvereira, Artesanía Tuñas, Bahiasoftware, Nortigalia, Placein, Biostatech, Catec, Clun, Stampa, Iluminaciones Santiaguesas, Gst, Ojoalvatio, Augas de Ames, H2GZ, DOOIGNIT, e Elora.
E este ano, como novidade, tamén acudiron ao evento como convidadas empresas doutros concellos próximos a Ames: Adoc Vimbio e Cloud.gal, de Santiago de Compostela; Farmasecurity, de Vigo; Metalia Consultores, das Pontes; Obit Dynamics, de Ribeira; Disal, de Vilagarcía de Arousa e Powernet, da Coruña. Estes dous últimos concellos, do mesmo xeito que Ames, forman parte da Rede Innpulso.
Durante a xornada sucedéronse diversos relatorios de interese en materia científica. A primeira mesa tratou sobre Por que as innovacións que máis transforman a nosa vida adoitan ser as menos visibles? É necesario que a innovación sexa disruptiva e visible para ser realmente transformadora?. Contou coa participación da secretaría xeral de Innovación, Teresa Riesgo; Emilio Martínez, representante da Universidade de Santiago de Compostela; Nerea Dávila, representante de Nanogap e Eugenio Varela, representante de Access Surgical Technologies.
Na segunda mesa falouse de Tecnoloxía con propósito: innovar sen perder ás persoas. Participaron o delegado Especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; Isabel Martínez, subdirectora adxunta de Política e Estratexia Aeroespacial; Xanel Vecino, da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo; Alicia Cano, do CATEC e Esther Saavedra, de NTT DATA.
Ademais, houbo unha actividade para os máis cativos, chamada Maxia e tecnoloxía; e a Cadena Ser fixo un programa especial do Hoy por Hoy Santiago, o programa de actualidade local conducido por Ainhoa Apestegui, en directo, no Pavillón Polideportivo do Milladoiro cubrindo a actividade do InnovAmes.
A media mañá, foron entregados os premios educativos, que este ano celebraron a súa IV edición. Uns premios que buscan poñer en valor o traballo e a dedicación dos escolares amesáns en materia científica e de innovación. Nesta edición, a participación dividiuse entre o CEIP Agro do Muíño e o CEIP de Barouta.
O primeiro premio, dotado de 1.700€, foi para os rapaces e rapazas de Barouta, co seu traballo Ponlle voz. En segunda posición, cun premio de 1.500€, a aula de 5ºC de Agro do Muíño, con Os planetas. Pechou o podio o traballo Receitas musicais, do CEIP de Barouta, que levou unha un premio de 1.200€. E en cuarta posición Un cerebro artificial, dos rapaces e rapazas de 6ºB do CEIP Agro do Muíño, os cales recibiron 900€.
De cara ao final da xornada, celebrouse a cerimonia de entrega de premios aos proxectos empresariais. Os premios InnovAmes para empresas innovadoras teñen como obxectivo recoñecer e poñer en valor o esforzo de persoas emprendedoras e das empresas cun maior grao de innovación e potencial de crecemento en Ames. Para outorgar ditos premios valóranse aspectos como o compoñente de innovación, a sostibilidade, o uso de novas tecnoloxías, a globalización do proxecto, o potencial impacto do mesmo na contorna de Ames e a propia presentación no InnovAmes.
Deste xeito, as empresas premiadas foron Iluminaciones Santiaguesas, que levou o premio ao impacto innovador polo proxecto Bridalab; e a empresa Elora, que foi galardoada co premio á innovación empresarial polo proxecto Elora Smart.
O InnovAmes 2026 foi clausurado polo alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz; a secretaria do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Teresa Riesgo; e o delegado especial da Zona Franca de Vigo, David Regades. Ademais, contouse coa actuación musical de Kike Varela e Puga. A xornada de InnovAmes rematou cun aperitivo co obxectivo de favorecer o networking entre as empresas participantes e os representantes universitarios.