Pew Research fai balance do uso da Internet co gallo dos 25 anos da web

xoves, 27 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

JPEG - 22.5 KB
Evolución da porcentaxe de adultos que fan uso da Internet nos EE.UU. entre 1995 e 2014

O 12 de marzo de 1989 Tim Berners-Lee escribiu unha proposta do que se convertería na World Wide Web, e aínda que non podemos considerar que a web vese a luz ata agosto de 1991, dende o Pew Research Center consideran atinado celebrar agora o 25 aniversario da World Wide Web publicando un informe no que fan balance do uso da Rede entre 1995 e 2014.
O Pew Research Center permite así retratar a rápida adopción da Internet ao longo do tempo, explosión que tivo un impacto radical en moitos ámbitos da nosa vida, como no xeito de comunicarnos, nos nosos traballos, na publicación e creación de novas, na actividade política, na relación cos gobernos... chegando ata o punto de que xa resulta difícil distinguir a internautas de cidadáns, co 87% dos adultos en EE.UU. podendo considerarse usuarios da Internet, proporción que no caso dos fogares cuns ingresos de a partir de 75.000 dólares sería do 99%. A enquisa realizada por Pew Research tamén destaca que o 68% dos adultos acceden á Rede dende smartphones ou tablets.
Entre os consultados, o 90% considera que a Internet é boa para eles, e o 76% que é boa para a sociedade, detectándose tamén unha importante dependencia das TIC, de xeito que o 53% dos usuarios da Internet aseguraron que sería moi difícil abandonala (fronte ao 38% de 2006); esta porcentaxe tamén sería moi elevada no caso do móbil (49%), pero caería substancialmente no caso da televisión (35%) e da telefonía fixa (28%), confirmando que as novas tecnoloxías están a ter un pulo maior que o das súas predecesoras.
Pese ás habituais reticencias á adopción da Rede por considerar que illa aos usuarios, os internautas parecen considerar todo o contrario, percibindo que o correo electrónico, a mensaxería instantánea e as redes sociais fortalecen as súas relacións en vez de debilitalas. O 67% dos consultados pensan que as comunicacións en liñas fornecen as súas relacións con familiares e amigos, mentres que só o 18% pensa o contrario.

PUBLICIDADE