A XVII edición de Mundos Digitales contará cos mellores creadores de contidos dixitais do mundo

venres, 15 de xuño do 2018 Redacción

Mundos Digitales, o congreso internacional máis importante para os profesionais do sector da animación, os efectos especiais, videoxogos e os novos media que se celebra en España, abrirá de novo as súas portas do 5 ao 7 de xullo na Coruña para celebrar as súa XVII edición. De novo, os tres días do congreso acollerán conferencias, obradoiros e encontros cos mellores creadores da industria, que expoñerán as máis novas técnicas de creación dixital en cinema, televisión, videoxogos, publicidade e novas aplicacións que van desde a arquitectura dixital ata o márketing.
«Un ano máis, teremos a responsables de grandes estudos norteamericanos e europeos como Walt Disney ou Epic Games e a estrelas do sector como Jayse Jansen ou Mike Ladlaw, pero tamén entre os conferenciantes hai moitos profesionais españois: algúns traballan nas grandes multinacionais do sector e outros evolucionaron ata crear as súas propias compañías, convertéronas en punteiras e están a desenvolver proxectos de gran envergadura de forma independente», sinala o director de Mundos Dixitais, Manuel Meijide, quen engade que «estamos nun momento clave para o sector en Galicia, coa posta en marcha dun grao de creación de contidos dixitais, animación e videoxogos que se suma ao posgrao en videoxogos que ofrece a Universidade da Coruña, que nos obriga a afrontar retos como a identificación de talento, a aceleración e a internacionalización».
Por iso, nesta edición de 2018 de Mundos Digitales, que se celebrará un ano máis en PALEXCO, hai espazo para a industria galega. É o caso da produtora coruñesa Gato Salvaxe, que xunto a Mundos Dixitais puxo en marcha Videoxogos. gal Asociación galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, presentada onte en sociedade nun encontro na Coruña.
«Videoxogo. gal naceu con cinco socios pero está aberta a que se sumen máis, e non só produtoras, senón que nos gustaría incorporar a medios, profesionais, empresas auxiliares ou calquera industria que teña que ver cos contidos interactivos», sinala Fernando Prieto, de Gato Salvaxe. No encontro, ao que asistiron numerosos profesionais do sector en Galicia, anunciouse que o ingreso en Videoxogo.gal dará dereito a entradas de balde para Mundos Dixitais durante os tres días de celebración do congreso.
Ademais das conferencias, obradoiros e encontros entre profesionais, unha das actividades máis importantes de Mundos Digitales é a feira de emprego, a segunda máis importante de Europa no sector, na que preto de 20 empresas buscarán este ano novos talentos para os seus proxectos. «É unha das claves de Mundos Digitales: a posibilidade de abrir a porta ao mundo laboral a mozos creadores, desenvolvedores ou técnicos», asegura Meijide.
Nesta edición, Mundos Digitales incrementa os contidos da sección Out of the Box, centrada en novas aplicacións industriais e empresariais da creación dixital e reforza a sección School Leads, dedicada aos centros formativos, universidades, escolas e academias españolas do sector da animación, os efectos visuais e os contidos dixitais en xeral. A oferta de actividades complétase co Festival Internacional de Curtas de Animación.

Conferencias

Na edición deste ano repite asistencia Rajesh Sharma, director tecnolóxico de Walt Disney Animation Studios, que protagonizou unha das conferencias máis concorridas da pasada edición e que nesta ocasión describirá, de principio a fin, o proceso de facer películas de animación e os retos do futuro deste xénero.
Sebastian Sylwan, CTO e socio creativo de Felix & Paul Studios, presentará as últimas tendencias no puxante sector de narrativas en ambientes inmersivos. Sylwan é o creador de experiencias inmersivas de alta calidade como Jurassic Park e Inside the White House with Barack and Michelle Obama. Outro conferenciante de primeira fila será Jayse Hansen, o cerebro detrás de interfaces de usuario ficticias como as que ven en películas de éxito como Los Juegos del Hambre, Iron Man e Star Wars.
Tamén están confirmados Mike Ladlaw, un dos mellores consultores da industria dos videoxogos que colabora agora coa empresa coruñesa Gato Salvaje na súa nova creación, The Waylanders. Fernando Prieto, socio e produtor executivo de Gato Salvaje será outro dos conferenciantes. Os responsables do Ranchito, a produtora de FX máis internacional do noso país que colaborou en series e películas como Juego de Tronos e Un monstruo viene a verme, desvelarán o seu traballo para reproducir a Verona de Romeo e Julieta na serie Still Star Crossed.

PUBLICIDADE