A Xbox 360 permitirá revivir a saga de Star Wars

martes, 7 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Microsoft e LucasArts veñen de confirmar que o xogo Kinect Star Wars e o pack Xbox 360 Edición Limitada Kinect Star Wars chegarán ao mercado español o vindeiro 3 de abril, polo que estes produtos que non puideron chegar a tempo para o Nadal teñen agora a oportunidade de satisfacer aos moitos seareiros da saga de George Lucas que está a volver ás salas cinematográficas adaptada ás 3 dimensións.
O xogo Kinect Star Wars permitirá xogar sen mandos, grazas a que Kinect interpreta os movementos do xogador, e incluirá distintas modalidades de xogo que permitirán competir en carreiras de vaíñas, participar en batallas espaciais, pilotar Speeder Bikes e Landspeeders e combater contra adversarios coma o Conde Dooku ou o temible Darth Vader. Curiosamente tamén incorporaron a este agardado título un modo de Bailes Galácticos, no que tomar un respiro dos combates e realizar coreografías ao ritmo da banda sonora de Star Wars. O seu prezo recomendado será de 49,99 euros.
No que ao pack Xbox 360 Edición Limitada Kinect Star Wars, aparte do devandito xogo, tamén inclúese no paquete unha Xbox 360 branca coa aparencia de R2-D2, sons personalizados, un mando sen fíos inspirado en C-3PO e un sensor Kinect de cor branca. Venderas a un prezo aproximado de 399,99 euros.

O pack Xbox 360 Edición Limitada Kinect Star Wars está personalizado ata o máis mínimo detalle para satisfacer aos seareiros da franquía de George Lucas

PUBLICIDADE