A Xunta achegará 2,7 millóns de euros para consolidar o emprego en empresas de base tecnolóxica

luns, 5 de febreiro do 2018 Redacción

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas da Xunta para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación. Concretamente a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste máis de 2,7 millóns de euros para o programa de fomento e consolidación do emprego para as pequenas empresas de nova creación e as cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). Con esta actuación prevé beneficiar ao redor de 300 traballadores en 195 firmas.
Para impulsar o emprego nas pequenas empresas de nova creación establécense axudas para a xeración de emprego estable, a formación xerencial e/ou directamente relacionada coa actividade que se vai desenvolver ou para o inicio de actividade, financiando gastos relacionados cos honorarios de notario e rexistrador, arrendamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, entre outros. O prazo de solicitude neste caso xa está aberto e remata o próximo 31 de xullo.
Apóiase tamén a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras destas empresas co 75% do custo da escola infantil dos fillos menores de 3 anos cun máximo de 3.000 euros. Poderán ser beneficiarias destes apoios as empresas que sexan promovidas como máximo por 5 persoas, cun capital social máximo de 120.202 euros, sendo como mínimo o 50% titularidade dos promotores que sexan desempregados e creen o seu propio posto de traballo na empresa.
O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cuxo prazo de solicitude acaba o 1 de outubro, pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías. Do que se trata é de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego. Esta iniciativa, polo tanto, está dirixida a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico.
Os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomos que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT. Concederanse axudas á creación directa de emprego estable, para a contratación de persoal técnico de alta cualificación e para a posta en marcha do proxecto empresarial. Os apoios poden alcanzar os 24.000 euros.
As contías base dos dous programas incrementaranse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada no rural. Deste xeito, a axuda máxima será de 22.000 euros por beneficiario no caso de pequenas empresas de nova creación e de 48.000 euros para as IEBT.
Esta actuación está enmarcada na liña que segue o Goberno galego para impulsar en Galicia o emprendemento a través da innovación e as novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE