A Xunta desvela as principais liñas de actuación TIC que levará a cabo en 2012

venres, 20 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Esta mañá tivo lugar no Centro Demostrador TIC de Galicia a presentación dun Mapa de Capacidades Tecnolóxicas moi peculiar, unha plataforma web que, tal e como indicamos neste medio, servirá de punto de encontro virtual entre empresas que ofrecen solucións TIC e demandantes de solucións tecnolóxicas á medida das súas necesidades.
A presentación veu da man da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e a directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, que aproveitaron a ocasión para avanzar as liñas de acción no eido tecnolóxico de 2012 e para facer un balance das accións desenvolvidas ao longo do pasado ano.
Entre as liñas de acción que están por vir, ademais da posta en marcha deste MapaTIC.gal, o Centro Demostrador ofrecerá durante 2012 novos cursos formativos e seminarios prácticos presenciais, destinados tanto a profesionais do sector TIC como aos integrantes do resto dos sectores produtivos do noso país. O obxectivo destas accións é, segundo informaron, “achegar a ambos colectivos as últimas tendencias, desde unha perspectiva no só tecnolóxica senón tamén de negocio, complementando así a formación técnica de alto nivel que xa se está a impartir no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia”.
Outra das novidades anunciadas será a posta en marcha, en colaboración con red.es, dun Plan de Incentivos, que terá como obxectivo premiar aos profesionais que asistan ás actividades desenvolvidas no CDTIC, con xornadas de teleformación punteira en novas tecnoloxías. A previsión de Modernización “é desenvolver máis de 2.000 horas formativas online”.
Asemade, o CDTIC seguirá na súa liña de promoción e fomento das TIC no noso país, facilitando de balde as súas instalacións e equipamento punteiro, así como axentes profesionais, a fin de integrar as novas tecnoloxías nos procesos produtivos do maior número posible de empresas galegas. En total están previstas máis de 40 demostracións e charlas en torno ás últimas novidades tecnolóxicas.
Dende a posta en marcha deste Centro, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, presentaron as súas solucións tecnolóxicas nel un total de 17 empresas galegas, que contaron coa asistencia de máis de 200 profesionais.
En total foron 19 as solucións tecnolóxicas presentadas no CDTIC nos últimos seis meses, o que pon de manifesto, en palabras dos seus máximos responsables, “o esforzo e a potencialidade das empresas TIC da Comunidade”.
Os datos extraídos das enquisas que se levaron a cabo trala realización das xornadas demostradoras indican que a valoración “foi moi positiva, pois un 37% das empresas expresaron un grao de satisfacción moi alto e un 47% cualificárono de alto”.
Por sectores asistentes, a máxima presenza rexistrárona as empresas pertencentes ao sector TIC, cun 11% seguidas doutros sectores como o da administración pública (7%), o sanitario (3%), o audiovisual (4%), o da metalurxia (3%) e o de transporte e loxística (2%).

PUBLICIDADE