A Xunta quence motores para comezar co primeiro apagamento analóxico

venres, 15 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A poucos días de que comece a aplicarse no noso país o apagamento analóxico definitivo, co conseguinte acendido dixital (lembremos que o vindeiro luns comezará nas zonas de Ourense Leste, Santiago, Meda e Ares), o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, vén de comparecer perante os medios de comunicación para dar conta de todas as actuacións e xestións realizadas pola Xunta para realizar con éxito esta revolución tecnolóxica.
Cabaleiro aproveitou a ocasión para destacar o esforzo que está a realizar o Goberno galego, conxuntamente con Goberno central, para que este proceso conclúa favorablemente, e na reunión cos medios, na que tamén participaron o subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Telecomunicación, Radio, Televisión e Multimedia da Xunta, Ignacio Otero, e o director técnico de Retegal, Joaquín Alonso, explicou polo miúdo o proceso de implantación da televisión dixital terrestre no noso país, e lembrou que nesta primeira oleada, ademais dos concellos das provincias da Coruña e Ourense, tamén sairán benficiados algúns municipios de Lugo e Pontevedra.
Segundo sinalou o secretario xeral de Medios, e tal e como anunciamos recentemente, este primeiro proceso de apagado analóxico das fases I e II farase de xeito gradual, desde o vindeiro 18 de xaneiro ata o 1 de febreiro, para continuar co apagado das zonas do Páramo e Domaio, correspondentes á fase III, que beneficiará aos concellos de Pontevedra e Lugo, aínda que tamén a algúns municipios das provincias da Coruña e Pontevedra.
O obxectivo, lembrou o secretario xeral de Medios, é que o vindeiro 3 de abril estea totalmente rematado este proceso de apagado analóxico.
Cabaleiro Durán lembroulle aos asistentes que o Goberno que representa, co obxectivo de dar respostas máis áxiles ás posibles dúbidas que lle poidan xurdir sobre este proceso aos cidadáns, intensificou o servizo de atención telefónica sobre a TDT a través do número de información 012, que se suma á xa existente Oficina Técnica da TDT.
Asemade, as persoas que requiran información precisa sobre esta tecnoloxía, poderán chamar ao 981 572 154, ao teléfono de atención ao usuario de Retegal, 901 333 111 ou consultar a web www.tdtgalicia.es.
A implantación da televisión dixital terrestre representa novas vantaxes para os usuarios posto que permite, entre outras moitas vantaxes, recibir máis canles de televisión, obter unha mellor calidade de imaxe, recibir novos servizos engadidos e a recepción móbil e portátil.

PUBLICIDADE