A Zona Franca de Vigo celebra a excelencia do tecido empresarial galego na Gala dos 7º Premios Ardán
xoves, 4 de xuño do 2026
O Consorcio da Zona Franca de Vigo entregou hoxe os seus Premios Ardán 2026, foi na gala da 7ª edición destes prestixiosos galardóns que distinguen a excelencia e o empuxe innovador das nosas empresas. O vestíbulo do Pazo de Congresos Mar de Vigo converteuse no epicentro da excelencia empresarial á que se sumaron preto de 500 persoas en representación da vida empresarial, económica, política e social de Galicia.
No evento, conducido pola xornalista Paula Montes, foron distinguidas cos Premios 2026 as empresas: HERMASA, CEAMSA, CZ Vaccines, RodaVigo, Optare Solutions, Borgwarner Emissions, ICTEL Ingenieros, Quobis Networks e Velneo, todas da área de Vigo, xunto ao Náutico de San Vicente, do Grove; INASUS de Lalín; CUVIDASA de San Cibrao das Viñas; e Torus Software e o Grupo Bermúdez, ambas as da provincia da Coruña.
As 14 empresas, 6 delas consolidadas, que xa obtiveran o Premio, e outras 8 emerxentes que o recibían por primeira vez, obtiveron 4 e 5 indicadores de excelencia, destacando en ámbitos decisivos como a solvencia, o crecemento, a rendibilidade, a produtividade, a innovación, a internacionalización, a sustentabilidade, o talento ou a igualdade.
Ademais, a gala homenaxeou a Abanca co Premio Especial á Traxectoria Empresarial, por “unha xestión eficiente, visión estratéxica e compromiso coa mellora continua, contribuíndo de forma decisiva ao progreso económico e á creación de emprego en Galicia”.
O delegado Especial do Estado na Zona Franca e anfitrión do evento, David Regades, felicitou ás empresas distinguidas e puxo en valor “a dificultade e a relevancia de conseguir este Premio. Para conseguilo cada compañía ten que cumprir criterios obxectivos e moi rigorosos que marca o Informe Ardán que é, desde hai anos, unha das radiografías máis completas e rigorosas do tecido empresarial galego. Por iso é tan importante e ten tanto prestixio entrar nesta clasificación”.
O delegado do Estado falou de como a excelencia empresarial tamén é un dos factores polos que esta área xa é unha referencia en España e en Europa: “Unha cidade na que, da man do Concello e do alcalde, a nova revolución tecnolóxica entrou de cheo cun tecido empresarial que abrazou a innovación e que constituíu todo un ecosistema modelo no Estado”. Lembrou Regades que “fixemos do emprego tecnolóxico un eixo estratéxico, situando á área de Vigo como líder en España entre as cidades de máis de 200.000 habitantes, con case un 14% de emprego TIC, por encima de Madrid ou Barcelona e fronte á media estatal do 6%”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o encargado de poñer o punto e final á Gala, felicitando a Abanca polo seu recoñecemento, así como ás 14 empresas distinguidas este ano.
As 15 compañías recibiron o novo galardón dos premios que se estrea este ano, unha escultura da deseñadora e artesá viguesa Paula Ojea.
O evento contou, ademais, coa conferencia do analista económico Gonzalo Bernardos, profesor de Economía na Universidade de Barcelona, consultor e unha das voces máis influentes e recoñecibles da análise económica en España. A súa intervención estivo centrada no liderado na era da incerteza, unha reflexión sobre os retos que afrontan as organizacións nun escenario de profundas transformacións económicas, tecnolóxicas e xeopolíticas, e sobre a importancia de manter unha dirección clara en tempos de cambio.
A música puxo o punto final á gala cun concerto íntimo da chelista e compositora viguesa Margarida Mariño, artista que soubo construír unha voz propia dentro do panorama musical contemporáneo. Hoxe é unha das creadoras máis singulares da escena musical cunha proposta que combina violoncelo, voz e electrónica en directo para crear paisaxes sonoras únicas nos que conviven a música clásica, o minimalismo, o post-rock e a experimentación.
