A adicción a Internet xa ten nome propio:Googlite!
martes, 2 de setembro do 2008
Segundo un estudo realizado pola empresa YouGov por
encargo do servizo de información telefónica 118118, o 44 por cento dos
británicos séntense estresados e con
niveis altos de ansiedade ante a “imposibilidade
de poder conectarse a Internet” polo motivo que sexa. Para levar a cabo o
informe, YouGob entrevistou a 2.100 cidadáns daquel país durante a primeira
semana de xullo, e concluíu que os síntomas que presentaban estes afectados
coincidían cos que presenta unha doenza bautizada hai pouco como discomgoogolation, é dicir, googlite, ou adición a Internet.
Este cadro clínico foi detectado polo
psicólogo David Lewis, que deu con el medindo as pulsacións e a actividade
cerebral dos doentes que acudían á súa consulta cos devanditos síntomas.
A palabra ven da unión do termo discombobulate,
que significa confundir ou
frustrar, e Google, o popular buscador da Rede (que hoxe volve a ser nova por
crear o seu propio navegador web).
Segundo
palabras do propio Lewis, “cando non podes conectarte á Rede, a
discomgoogolation apodérase de ti” e os niveis de estres rexistrados
supoñen un incremento da actividade cerebral e da presión sanguínea
considerables, que poden danar a saúde.
A enquisa
tamén determinou que o 76 por cento dos británicos non poderían vivir sen
Internet e que a metade da poboación emprega a Rede entre unha e catro horas ó
día; mentres que o 19 por cento dos enquisados pasa máis tempo en liña que coa
súa familia nunha semana.
Asemade, o
47 por cento dos entrevistados considera que Internet é máis importante na vida
da xente que a relixión (que ousados!) e un de cada cinco usuarios (o 20 por
cento) asegura prestar máis atención á Rede que a súa parella (a excepción dos
que a atoparon vía chat, claro).
