A aula CeMIT de Ribeira achega dez cursos de informática a través do programa Outono TIC

venres, 30 de outubro do 2020 S. P.

A aula CeMIT de Ribeira vén de convocar para os meses que restan, e até rematar o ano, un completo feixe de cursos informáticos de balde. As actividades formativas, un total de dez e agrupadas no ciclo Outono TIC, están destinadas a persoas adultas do termo municipal. A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, acompañada do axente TIC Manuel Bello, debullou na mañá deste venres 30 de outubro o programa, que inclúe tanto accións formativas para principiantes como outras máis especializadas, tendo unha duración entre as 6 e as 20 horas.
Entre as sesións dirixidas ás persoas que se adentran por primeira vez nas novas tecnoloxías hai cinco cursos previstos: Whatsapp desde cero, Facebook desde cero, Instagram desde cero e Coñece o teu móbil, neste último caso con dúas edicións, un en outubro e outro en decembro.
Ademais haberá outras ofertas sobre informática básica, retoque de imaxe (co programa libre de edición de imaxes GIMP), sede electrónica, ofimática na nube (Google Drive) e Libreoffice (Write, Calc e Impress).
Aquelas persoas interesadas poden inscribirse a partir do luns 5 de outubro ben na propia Aula CeMIT (teléfono 981 876 043) situada en Cubeliños ou ben na súa páxina web. O Concello engade que “dadas as limitacións pola COVID, cada curso ten un aforo de oito usuarios en lugar dos doce habituais”.
Rede Araña
Ademais, Ana Barreiro avanzou que o Concello está en xestións para poder albergar unha semana en outubro e outra en novembro unha colaboración da iniciativa Rede Araña, destinada a mellorar as competencias dixitais das persoas en situación de desemprego, con tres eixes diferenciados: Aulas TIC, Muller TIC e Brúxula. O último bloque estará enfocado a usuarios con problemas de drogodependencia. De frutificar tales xestións, darase cumprida conta das datas e o contido específico desta colaboración.

PUBLICIDADE