A aula Informática do Milladoiro foi empregada en 2018 por 1.350 persoas

luns, 13 de maio do 2019 Redacción

O Concello de Ames (Concellería de Educación e Cultura) fixo balance da actividade xerada pola Aula de Informática de Milladoiro, posta en marcha no ano 2003. Segundo se fai saber no reconto, a aula conta con máis de 1.620 socios e socias, dos cales 32 foron novas altas producidas ao longo de 2018. Asemade, un total de 1.385 persoas empregaron o servizo o pasado ano en horario de Aula Aberta, para realizar xestións e/ou practicar o aprendido nalgún dos once obradoiros organizados pola propia aula. Estas formacións contaron coa asistencia de preto dun cento de persoas.
A maiores do devandito, nos catro meses transcorridos dende o comezo de 2019, máis dunha trintena de persoas participaron nalgunha das formacións fornecidas, entre elas o curso de iniciación en Internet destinado aos membros de JUPEMI, finalizado nos últimos días.
Dende a posta en marcha da Aula de Informática do Milladoiro, en 2003, un total de 44.544 usuarios e usuarias fixeron uso do servizo de Aula Aberta.
O obxectivo deste servizo é facilitar que a veciñanza que non conta cun equipo informático ou con rede, ou que non poden acceder á Internet por calquera motivo, poidan realizar diferentes tarefas como traballos persoais, consultar o correo, ler o xornal, xogar, buscar información dende as instalacións municipais.
Por outra banda, a aula tamén organiza unha ampla variedade de cursos e obradoiros dirixidos a sectores concretos da poboación, os cales se establecen en función da idade ou do tema. No primeiro trimestre de 2018 ofreceuse un obradoiro sobre a creación dunha conta de correo electrónico, un taller para a procura de emprego na Rede e unhas xornadas de iniciación a Internet. Entre abril e xullo impartiuse un curso de mecanografía dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos e outro destinado a rapazas/es de 13 a 18 anos, ademais dun curso sobre o procesador de textos e un obradoiro sobre como realizar compras en liña de xeito seguro.
Ademais, entre os meses de xaneiro e xullo a aula acolleu un obradoiro de alfabetización dixital para a Escola Integral de maiores do Milladoiro. Por outra banda, durante o último trimestre do ano, ofreceuse un novo curso sobre como crear, configurar e usar unha conta de correo electrónico; ademais dun obradoiro de alfabetización dixital dirixida a maiores de 16 anos, e un taller para nenos e nenas de 9 a 12 anos sobre a elaboración de presentacións en Impress mediante un conto de Nadal. Así, no 2018 a Aula de Informática do Milladoiro organizou un total de 11 ofertas formativas, que contaron coa participación dun total de 92 persoas.

PUBLICIDADE