A canle infantil Clan iniciará as súas emisións en HD en outubro

venres, 22 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A primeiros de mes Televisión Española deu conta durante a presentación da nova programación de La 2 que esta canle pasará a emitir en alta definición o mes que vén, e esta semana, José Antonio Sánchez, presidente da Corporación da RTVE, anunciou durante a xuntanza mensual do Consello de Administración do ente que o 1 de outubro La 2 HD non botará a andar soa, senón que contará coa compaña de Clan HD, a versión en alta definición da súa canle infantil.
Deste xeito xa estarían en alta definición La 1, La 2, Teledeporte e Clan, quedando só en definición estándar Canal 24h. A estrea das emisións en alta definición non supón o cesamento das emisións en definición estándar, medida anti-económica, pero que busca atender ao servizo público, xa que moitos consumidores ao adaptarse á TDT adquiriron receptores que non son compatibles coas emisións en HD.
A incorporación á grella da TDT de La 2 HD e Clan HD iniciarase o 1 de outubro, aínda que é posible que nalgúns territorios non cheguen até primeiros de 2018. No caso galego a meirande parte dos repetidores inclúen estes programas de TDT no MUX 22 o no 54, de xeito que chegará con explorar manualmente tal frecuencia para recibir as novas canles unha vez inicien as súas emisións.

PUBLICIDADE