A ciberseguridade e a IA, piares da transformación dixital en Galicia

mércores, 3 de xuño do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia reafirma a súa aposta pola ciberseguridade e a intelixencia artificial como ámbitos estratéxicos para impulsar a transformación dixital e fortalecer a competitividade do tecido produtivo galego. Así o puxo de manifesto hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey, durante a inauguración da xornada Preparando ás PEMEs galegas para os novos desafíos: ciberseguridade e intelixencia artificial.
Durante a súa intervención, o responsable da Axencia destacou que a ciberseguridade e a intelixencia artificial representan dous dos grandes retos e oportunidades para empresas, administracións e cidadanía no actual escenario de transformación dixital. Damián Rey incidiu na importancia de abordar a ciberseguridade desde unha perspectiva estratéxica, especialmente no caso dos autónomos e das pemes, que adoitan contar con menos recursos para facer fronte ás ameazas dixitais.
Para responder a este desafío, explicou que a Xunta fundamenta a súa actuación na suma de capacidades e na compartición de recursos, mediante acordos bilaterais con entidades como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) e o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), así como a través de iniciativas como o Nodo Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal. Esta iniciativa reúne administracións públicas, universidades, centros tecnolóxicos e empresas co obxectivo de compartir información, anticipar riscos e facilitar servizos especializados a todo o ecosistema, incluídas as pequenas e medianas empresas.
Galicia complementa esta estratexia colaborativa coa súa participación no proxecto RETECH, xunto con Cataluña, a Comunidade Valenciana e o Instituto Nacional de Ciberseguridade, para promover un centro transrexional de innovación e competencia en ciberseguridade. A iniciativa busca desenvolver servizos avanzados, impulsar a innovación e favorecer a transferencia destas capacidades ao tecido produtivo galego.
No ámbito da intelixencia artificial, Damián Rey lembrou que Galicia dispón dunha folla de ruta propia para favorecer a súa adopción con garantías, sustentada nun marco normativo pioneiro e no Programa Galego de Intelixencia Artificial. Este programa inclúe actuacións específicas orientadas a facilitar a implantación destas tecnoloxías nas empresas e a mellorar a súa competitividade, capacidade innovadora e produtividade.
Entre as medidas xa en marcha, destacou o programa IA360, orientado á optimización das cadeas de valor mediante a aplicación da intelixencia artificial en procedementos, servizos e aplicacións empresariais, así como o Ticket Innova, destinado a fomentar o acceso das pemes a servizos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación.