A cuarta edición de Galicia Open Future aposta de cheo pola innovación aberta

xoves, 1 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Para quen non o saiba, Telefónica o Goberno galego (AMTEGA) comezaron o ano avanzando na sua colaboración e poñendo en marcha unha nova edición (a cuarta xa) de Galicia Open Future, o centro de crowdworking da Cidade da Cultura. Segundo avanzaron daquela, esta nova entrega ía vir con novidades. Por exemplo: unha viraxe cara ao que se coñece como Industria 4.0, ou sexa, cara ás metodoloxías intelixentes de traballo que resultan da confluencia entre a industria e o mundo das tecnoloxías da información. Dar conta destas e doutras novidades foi o obxectivo da xornada Galicia en Dixital, Industria 4.0, que se celebrou onte no Gaiás e na que participou, entre outros, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
Na cita, Conde salientou a importancia de desenvolver proxectos de innovación aberta, como os de Galicia Open Future, precisamente, co obxectivo “de dar resposta ás necesidades do tecido empresarial co novo talento”. E engadiu: “A industria do futuro será dixital, polo que é necesario dar cobertura aos proxectos que nacen do talento e a innovación”, apuntou.
O conselleiro aproveitou para facer un chamamento a emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación “para que participen no programa e presenten os seus retos de negocio, xa que poden ser abordados mediante solucións baseadas en tecnoloxías”.
Segundo se fixo saber na cita de onte, o prazo para achegarmos propostas a Galicia Open Future (retos que serán afrontados polas empresas participantes) estará aberto até o 13 de marzo. Entre estas propostas figura, por exemplo, unha de Nova Pescanova, que consiste en procurar respostas de coñecemento detallado sobre o ciclo de cría do langostino. Outra das empresas que concorre cun desafío é FINSA, que conta cun proxecto para o deseño de novo mobiliario que aproveite as novas tecnoloxías para a creación de hábitats intelixentes.
Máis datos sobre a cuarta edición de GOF
Baixo o epígrafe Galicia Open Future_: Edición Retos Industria 4.0, a cuarta edición de GOF busca “dirixir o talento emprendedor cara á resolución de problemas concretos da industria galega”, informou os días pasados Telefónica, engadindo que nesta cuarta entrega colaborarán novamente a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Como dixemos, ao abeiro do novo programa, proporase a grandes empresas referenciais galegas (entre as que se contan as devanditas Nova Pescanova e FINSA) que lancen publicamente un total de seis retos reais de negocio, baixo un modelo de innovación aberta. Ao abeiro desta proposta colectiva, abriranse convocatorias a través da plataforma Telefónica Open Future para cada un dos desafíos, ás que poderán presentarse startups, PEME, centros tecnolóxicos, universidades e emprendedores, e entre os que se seleccionará a un gañador, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa tractora, e tres finalistas.
O gañador terá unha axuda de GAIN de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como os tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como “recoñecemento ao seu esforzo innovador”. Logo, transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada por AMTEGA.
Telefónica tamén explicou que aparte das achegas económicas directas, Xesgalicia concederá á empresa gañadora un préstamo reembolsábel pola cantidade de diñeiro investido para a posta en marcha do piloto nas empresas, até un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un préstamo reembolsábel de até 50.000 euros.
A xeito de balance, a compañía tamén recordou que nas tres edicións anteriores de Galicia Open Future presentáronse un total de 416 proxectos de alicerce tecnolóxico, dos cales foron acelerados 145, o que supuxo un total de 1.100 horas de traballo individualizado e o desenvolvemento de 90 actividades formativas e obradoiros abertos en materias como fiscalidade, mercadotecnia dixital, imaxe de marca ou novos modelos de financiamento.
Durante a súa participación, as novas firmas innovadoras puideron presentar os seus proxectos a potenciais clientes, participar en eventos internacionais como o South Summit, recibir apoio á internacionalización, celebrar sesións de adestramento e retro-alimentación con directivos de Telefónica, entrar en contacto coa rede global da plataforma Telefónica Open Future e recibir un apoio económico por parte da consellería de Economía, Emprego e Industria dirixido a aquelas empresas con mellor aproveitamento na aceleración.

PUBLICIDADE