A cuarta parte das familias fixo a compra en liña o ano pasado

mércores, 15 de xullo do 2015 Redacción

A cuarta parte dos fogares españois fixo algunha compra de gran consumo a través da Rede o ano pasado. É un dato incluído na investigación eCommerce en Gran Consumo 2015 feito pola empresa de consultoría Kantar. O informe, no que se cifra a cota de mercado da devandita canle en liña no 1,2%, fíxose sobre unha base de 100.000 fogares en dez países, tendo en conta (sobre todo) os seus hábitos á hora de mercar. Entre outros datos, confírmase que as compras en liña a nivel mundial incrementáronse nun 28% o ano pasado, abranguendo xa o 3,9% do gasto total das familias en produtos de gran consumo.
Por países, salientan na listaxe Corea do Sur, Reino Unido e Francia, cunha cota de mercado do 13,2%, 6% e do 4,3%, respectivamente. En España, a porcentaxe de fogares que merca por Internet é semellante á de Francia ou á do Reino Unido, porén, a frecuencia coa que se realizan estas operacións é menor, como tamén é máis baixo o gasto en cada compra. No ámbito español o ticket en liña medio é de 44 euros. Porén, en Francia é de 63 euros e no Reino Unido de 55. Sinalar tamén que no informe prognostícase que este tipo de vendas acaden os 130.000 millóns de dólares no mundo en 2025 (o 30% do mercado coreano eo 10% do de Francia ou Reino Unido).

PUBLICIDADE