A curta galega O Xigante abre o Festival de Curtas de Bueu
martes, 3 de setembro do 2013
A
vila de Bueu convoca a partir de hoxe aos seareiros dos pequenos
formatos audiovisuais da nosa terra e de alén de calquera fronteira,
xeográfica, xeracional ou estética. Estamos a falar da sexta
edición de FICBueu, festival
internacional de curtas operativo ata o 7 de setembro e que vai dar
acubillo á proxección de 25 obras, sendo O
Xigante (peza de
animación en 2D e 3D, achegada por Abano Producións e recoñecida
en múltiples festivais internacionais)
a única representación galega. O certame celébrase no Centro
Social do Mar (dous pases ás 20 e ás 22.15 horas), con entradas de
balde.
Logo de O xigante,
pasarase a montenegrina Sve to (Todo iso, 2012), do
realizador Branislav Milatovic. Seguiranlle Sessiz-Bé deng
(Silencioso, 2012), do turco L. Rezan Yesilvas, e
Oma (2012), unha coprodución entre Brasil e Uruguai
dirixida por Michael Wahrmann. A primeira xornada do certame
pecharase con Rétention (Retención, 2013), fita
dirixida por Thomas Kruithof que chega desde Francia, o país máis
representado no festival cun total de nove producións ou
coproducións.
Volvendo a O Xigante,
dicir que, en palabras da produtora, simboliza “o
corazón de tódolos pais, homes e mulleres que, a través do seu
ollar, revelan o mundo aos seus fillos axudándolles a construír o
seu universo, a trazar os seus camiños e a corrixir calquera desvío
no magnetismo do seu compás”.
O filme, estreado en marzo
do ano pasado, colleitou
importantes éxitos e galardóns no certame Curtocircuíto de
Santiago, AnimaBasauri, Festival de Cans (Premio á Mellor Curta de
Animación), Divercine 2012, o Festival de Tofuzi (Georgia) ou
o Festival de Brasilia.
Tamén
foi seleccionado para exhibirse en Los Ángeles, dentro do ciclo
Recent Spanish Cinema
Series.
