A curta galega O bufón e a Infanta abrirá o Festival de Málaga

venres, 28 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

O Festival de Málaga terá presenza galega, e en postos de privilexio, concretamente na apertura da sección oficial de curtametraxes, que correrá a cargo da empresa da Coruña Dygra. Esta acode para presentar O bufón e a Infanta, obra xa nomeada previamente ós Goya e que tira partido do máis anovador en materia de novas tecnoloxías ó servizo da animación. A curta, dirixida polo galego Juan Galiñanes (que ten activo un blog do máis recomendable), será proxectada no certame andaluz o venres 4 de abril e volverá a exhibirse os días 6 e 7 e dentro do apartado ZonaZine.
Agárdase que a peza de Dygra esperte en Málaga o mesmo interese e recoñecemento ca nos moitos festivais e certames nos que lxa ten competido, incluídos os Premios Goya e a Semana Internacional de Cine Fantástico de Málaga, onde foi nomeada como mellor curta de animación e onde obtivo o Premio do Xurado Xoven á Mellor Curta Española, respectivamente.
Asemade, concorrerá este ano nos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual dentro da categoría de mellor peza de animación.
O argumento da curta apóiase en boa medida no xogo das aparencias e dos xuízos preconcibidos que nos adoitan a levar ó engano. Máis polo miúdo, na peza nárrasenos como o bufón anano Francisco de Lezcano lle acaba por amosar á Infanta Margarita (do cadro As Meninas de Velázquez) como debaixo da súa aparente fealdade se agocha unha realidade inesperada para ela.

PUBLICIDADE