A divulgadora galega Deborah García súmase ao Girl STEM

venres, 5 de outubro do 2018 Redacción

Segue adiante, a lume de carozo, o programa de actividades da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) destinado a derrubar os estereotipos e as falsas crenzas tecnolóxicas que impiden ás mozas o libre acceso ás carreiras TIC: o programa Girl STEM. A fórmula elixida para acadalo? Pois algo tan sinxelo e eficaz como deixar que mulleres referentes tecnólogas e científicas dean conta das posibilidades de enriquecemento da súa escolla ante a nosa mocidade, e contribúan a eliminar mitos. Desta volta tócalle á química e divulgadora científica Deborah García Bello (A Coruña 1984), unha das maiores referentes no seu ámbito en España e no mundo (con máis de 30.000 seareiras e seareiros nas redes sociais).
En concreto, Deborah asistirá á sesión que terá lugar o luns, 8 de outubro, no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, entre as 16:10 h e 17:50 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Deborah García contará a súa propia experiencia e falará sobre fenda de xénero, ademais de desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas. Posteriormente, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces do instituto.
Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola axencia AMTEGA

De Inditex ao Guggenheim: quen é Deborah García

Segundo fai saber AGASOL, a traxectoria de Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é tan impresionante como a súa capacidade de transmitir a ciencia a todo tipo de públicos. Esta química e divulgadora científica é colaboradora de Televisión Española e Televisión de Galicia. Ten a súa propia sección de ciencias todos os mércores na Radio Galega. Escribe para diferentes medios como El País, La Voz de Galicia, o cultural O observador da beleza de L’’ORÉAL, o Caderno de Cultura Científica da UPV/ EHU ou Naukas, e dá conferencias en todo o mundo. Ademais, é formadora en hábitos saudables para o xigante téxtil galego Inditex.
Desde 2016 é a directora científica das xornadas Ciencia e Arte da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao. Está a facer o doutoramento na Universidade da Coruña sobre divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e da Asociación Española de Comunicación Científica.
É autora do aclamado blogue dimetilsulfuro.es, polo que recibiu o Premio Bitácoras 2014 ao mellor blogue de ciencia nacional. A súa canle de Youtube Deborahciencia conta con máis de 18.000 subscritores, que se suman aos máis de 13.000 en Twitter. É autora do libro Todo é cuestión de química (Ed. Paidós, 2016), galardoado co Premio Prismas ao mellor libro editado sobre divulgación científica en 2017. Pola súa actividade divulgadora recibiu un premio Jot Down Ciencia en 2017 e o Premio Tesla á divulgación en 2016. En febreiro deste ano saíu á venda o seu último libro Que se lle van as vitaminas! (Ed. Paidós, 2018), que xa vai pola súa cuarta edición.

PUBLICIDADE