A eAdministración, cada día máis preto dos habitantes do rural

xoves, 30 de outubro do 2008 Raquel Noya

Os ministerios de Industria e de Administracións Públicas veñen de dar inicio a un plan de formación e dinamización nos telecentros de todo o Estado, mediante o cal os cidadáns do eido rural se van beneficiar (ao igual que os habitantes das cidades) das vantaxes da Administración Electrónica e dos servizos da páxina web 060.es sen ter que desprazarse.
Este plan, que ten como obxectivo achegarlles aos cidadáns das zonas rurais os servizos das administracións públicas, conta cunha financiamento de 2 millóns de euros e foi presentado hoxe mesmo polo ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián maila ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado.

Web 060.es

A través desta web, promovida pola rede de telecentros de Red.es, os cidadáns das zonas rurais van ter acceso a tódolos servizos públicos da Administración Xeral do Estado, comunidades autónomas e corporacións locais, de xeito telemático.
Desta maneira, o Goberno vaille dando cumprimento ao establecido na Lei para o Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, que esixe que tódolos servizos sexan accesibles ao cidadán a través da Rede antes do vindeiro día 1 de xaneiro de 2010.
A día de hoxe, xa son preto de 900 as ferramentas dispoñibles das distintas administracións públicas e xa hai máis de 300 trámites da Administración Xeral do Estado que poden realizarse de xeito electrónico na súa totalidade.
Con este proxecto, os responsables perseguen “integrar ás zonas rurais no emprego dos servizos públicos telemáticos, reducir a fenda electrónica existente entre o medio rural e as cidades e proporcionar información e medios aos habitantes máis afastados xeograficamente dos organismos e centros administrativos”.
A páxina 060.es, cun número de visitas que rolda as 300.000 ao mes, permite obter todo tipo de información provinte das distintas administracións, tales como o estado das estradas ou a oferta de emprego (público e privado) a través do INEM; solicitar bolsas, subvencións e axudas; realizar trámites e xestións con institucións e organismos públicos ou solicitar datos persoais, como a vida laboral, os puntos do carné de conducir ou certificados de nacemento e defunción.

Plan de dinamización de telecentros

Mediante este proxecto, un total de 1.500 telecentros, consolidados como lugares públicos de referencia para acceso a Internet nas zonas rurais, convértense no “motor da formación” para os seus habitantes. Con este obxectivo, póñense en marcha unha serie de actuacións dirixidas a formar aos dinamizadores dos telecentros onde os haxa ou directamente aos cidadáns daquelas zonas nas que non existe persoal de axuda.
En total, serán máis de 500 os dinamizadores que, a través deste programa, formen aos habitantes da zonas rurais no emprego da administración electrónica e os informen das posibilidades que ofrece a web 060 de cara a realizar trámites coas administracións.
Este plan de dinamización xa deu comezo en 304 telecentros de Andalucía e Asturias e continuará por Galicia e outras comunidades antes de finais de ano, para prolongarse ao longo de todo o 2009.