A educación dixital galega estenderase a 100.000 alumnas e alumnos

xoves, 21 de xaneiro do 2021 Redacción

A educación dixital na nosa terra, un ámbito de especial importancia nas circunstancias actuais (nas que se fan precisos máis recursos que favorezan a teleformación) vai chegar a 100.000 alumnas e alumnos. Así o fixo saber este xoves 21 o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, engadindo que a devandita cifra suporá o 70% dos alumnos de 5º de primaria a 4º da ESO.
Feijóo precisou que o Consello autorizou dous contratos marco que suman un importe máximo de 34 millóns de euros: un deles para adquirir ata 45.000 ultraportátiles para o alumnado e o outro para adquirir o equipamento necesario para a dotación doutras 2.000 aulas E-Dixgal.
Tamén recordou que a día de hoxe E-Dixgal está dispoñíbel para os centros adheridos, entre 5º de primaria e 2º da ESO. “Isto supón que máis de 34.000 alumnos destes niveis educativos estudan con libro dixital, equipados con portátil e con acceso online e offline á plataforma virtual EVA, onde teñen á súa disposición o contido curricular completo de cada curso”, dixo, engadindo que os actuais fitos de transformación educativa teñen a súa orixe en 2010, coa posta en marcha da iniciativa Abalar, na que se levan investido máis de 100 millóns (para a dixitalización de todas as aulas de 5º de primaria a bacharelato; para que o 100% dos centros públicos educativos de Primaria e Secundaria dispoñan de conexión superior a 100 Mbps; e, tamén, para a adquisición de equipamento, contidos dixitais e implantación de novos servizos e canles de comunicación online).

PUBLICIDADE