A experiencia a pantalla completa de Xbox chega a Windows 11

venres, 21 de novembro do 2025 Redacción

Microsoft deu hoxe un novo paso na integración entre PC e consola coa chegada da experiencia a pantalla completa de Xbox aos equipos con Windows 11. A funcionalidade está xa dispoñible de maneira xeral nos dispositivos portátiles con este sistema operativo que se atopan no mercado, incorporando melloras de rendemento e a opción de iniciar directamente en Xbox para favorecer un uso máis fluído e inmediato, nunha liña que busca ofrecer unha experiencia similar á dunha consola.
A compañía destaca que esta actualización reduce atrancos e permite acceder máis rápido aos xogos. Na páxina oficial de soporte xa se pode consultar toda a información necesaria para configurar a funcionalidade nos ordenadores consolizados.
A maiores dos dispositivos portátiles, Xbox ampliou o alcance desta interface e activou en modo de vista previa a experiencia a pantalla completa noutros formatos de PC con Windows 11, como portátiles tradicionais, sobremesas ou tabletas. Trátase dunha interface de navegación co mando, pensada para poñer o xogador no centro e ofrecer un contorno a pantalla completa desde o que explorar e iniciar títulos presentes nas diferentes bibliotecas, incluíndo as principais tendas de xogos para PC. Tamén incorpora un Task Switcher que facilita alternar con rapidez entre xogos e aplicacións.
Para acceder á vista previa no PC é necesario rexistrarse tanto no programa Xbox Insider coma no Windows Insider, instalar a aplicación Xbox Insider Hub e unirse á sección PC Gaming Preview.