A filtración á Rede da película de Lobezno non afectou aos resultados económicos da súa estrea

luns, 4 de maio do 2009 Marcus Fernández

A filtración á Rede dunha copia de traballo da película X-Men Orígenes: Lobezno un mes antes da súa estrea foi recibida de moi distintos xeitos, e mentres os usuarios correron en masa a baixala(calcúlanse uns 4,1 millóns de descargas), o FBI reaccionou dun xeito desproporcionado, dando lugar a prexuízos a terceiros, pero a polémica estaba servida: ¿a filtración beneficiaría ao filme ou minaría a súa estrea?
Pois pese a que moitos afeccionados xa viran a copia filtrada (á que lle faltaban os efectos especiais) e en plena crise da gripe tipo A (que facía que algúns cidadáns temesen a lugares públicos con grande concentración de persoas, coma son as salas de cine) a estrea da película protagonizada por Hugh Jackman dificilmente podería ir mellor, facendo 87 millóns de dólares na súa primeira fin de semana nos EE.UU., polo que poderiamos deducir que o tráfico das películas nas redes P2P non afecta ás recadacións nos cines, e casos anteriores nos que a filtración á Rede dunha película supuxo o seu posterior fracaso podería vir provocado directamente polo feito de que as copias anticipadas decepcionaron ao público, e esa mala sona si ten claras repercusións.
Precisamente nesta liña José Perea publica no seu blog (Abadía Digital) un recadro no que vese claramente que as películas máis taquilleiras non son as máis descargadas. Incluso poderiamos deducir que os resultados económicos nos cines serían proporcionais ás súas campañas de promoción e repercusión mediática, mentres que nas redes P2P funcionarían ben as películas que gustan máis ao público.
Outro dato curioso sería a estimación de perdas polas descargas da Internet, que sería de 4.500 millóns de dólares para o sector musical, 5.400 millóns para o cinematográfico e 47.000 millóns para o software, proporción que non parece coincidir na presión exercida contra o P2P, mentres que o canon dixital esquecería ás descargas de software.

Recadro comparativo recollido no blog Abadía Digital

PUBLICIDADE