A filtración á Rede do último libro de Harry Potter provoca unha absurda reacción por parte do editor norteamericano da obra

xoves, 19 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A publicación na Internet do último libro de Harry Potter antes da súa publicación continúa a dar que falar, pois a repercusión que está a dar a filtración da obra está a ser global, aínda que non se sabe ata qué punto pode iso afectar ás vendas (en anos anteriores incluso apareceron versións traducidas ó español moitos meses antes da súa edición en España). Pero o máis polémico de todo o asunto é que Scholastic, o editor norteamericano dos libros de J.K. Rowling, está a remitir notas a responsables dalgúns importantes blogs coma TechCrunch, nas que piden “expeditivamente o borrado ou desactivación do acceso ó material” do que se estarían infrinxindo os dereitos de copia, o que resulta sorprendente, xa que na meirande parte dos casos os distintos blogs se limitan a comentar que o libro está a circular por redes P2P e mesmo critican a mala calidade da copia, que en vez de partir dunha dixitalización das páxinas consiste en fotografías de difícil lectura.
Precisamente o feito de que o libro estea baseado en instantáneas tomadas cunha cámara dixital podería ter máis relevancia do que puidera parecer pois, por unha banda, fai que a copia sexa convincente (fronte a outras copias falsas que circularon antes) e, por outra, podería permitir a identificación da persoa que está detrás da filtración, pois os ficheiros inclúen identificadores que determinan que as fotografías se tomaron cunha cámara Canon Rebel 350 co número de serie 560151117 de xeito que, se a cámara pisou un servizo técnico nos últimos anos (trátase dun modelo vello) podería levar ó seu dono.
Se ben a identificación do responsable directo da filtración parece algo lóxico, matar ós mensaxeiros que avisan da aparición do libro na Internet resulta pouco axeitado, e podería indicar o descoñecemento do funcionamento das redes P2P por parte dos responsables legais de Scholastic (que parecen ignorar que os contidos non están baixo o control de ninguén en concreto, polo que resulta practicamente imposible evitar o acceso ós mesmos).