A firma galega BeWay, no top 100 das empresas que máis medran en Europa

martes, 3 de marzo do 2026 S. P.

Gonzalo Camiña (BeWay) co Premio Nobel de Economía Richard Thaler

A firma galega BeWay vén de acadar un importante recoñecemento á súa andaina, consolidándose a nivel mundial como un referente entre as consultoras especializadas en ciencias do comportamento aplicadas ao sector privado, “tras oito anos de crecemento sostido e expansión”, salientan dende a dirección da empresa.
BeWay, fundada en 2018 e contando hoxe con máis de 200 profesionais e gran presenza en Europa e Latinoamérica, foi distinguida na clasificación de Financial Times (FT 1000 Europe’s Fastest Growing Companies 2026), onde ocupa o posto 96 de 1.000 e sitúase como a cuarta empresa de Management Consulting con maior crecemento en Europa.
Entre 2021 e 2024, a compañía multiplicou por máis de dez a súa facturación, moi por encima das taxas habituais do sector, que tradicionalmente rexistra crecementos máis moderados.
Segundo indican dende BeWay, a clave desta evolución está na especialización exclusiva da firma en ciencias do comportamento aplicadas a estratexia, liderado e deseño organizativo.
“Nun contexto no que moitas firmas incorporan equipos de conduta como complemento, en BeWay construímos a nosa identidade integramente sobre este enfoque”, sinalan os responsables da firma, salientando que a través da súa metodoloxía propia, BeMate, foron quen de integrar teoría condutual, datos operativos e deseño de contextos para converter a evidencia científica en impacto medible en clientes e resultados.
“A nosa especialización nace de convivir cada día con decisións reais en contextos de negocio. Co tempo fomos ordenando o que aprendiamos experimento a experimento ata cristalizar nunha metodoloxía científica propia”, explica Gonzalo Camiña, director executivo (CEO) e co-fundador de BeWay, que engade que “traballar no cruzamento entre estratexia e comportamento humano obrígate a ser extremadamente rigoroso”.
Camiña salienta que a firma defende un modelo de liderado eudaimónico, que entende o benestar como unha condición necesaria para o rendemento respectuoso cos recursos e a escalabilidade a longo prazo. “O benestar ben entendido non suaviza a esixencia, sostena”, engade Camiña, subliñando a convicción de que crecemento e saúde organizativa non son dimensións opostas, senón interdependentes.
BeWay é unha consultora estratéxica especializada en ciencias do comportamento aplicadas ao sector privado, e tamén en formación telemática avanzada (elearning). Desde España e con presenza activa en Europa e Latinoamérica, a firma acompaña a grandes organizacións na transformación das súas decisións, produtos e culturas corporativas “a través de solucións baseadas en evidencia científica”.
O seu enfoque combina economía de condutas, psicoloxía, experimentación e análise de datos para deseñar intervencións que xeran impactos concretos en resultados de negocio: desde crecemento e eficiencia ata compromiso e cambio organizativo.