A formación sobre historia social electrónica estenderase a dúas ducias de concellos galegos

mércores, 2 de outubro do 2019 Redacción

O persoal da área social de 25 concellos da nosa terra vai fortalecer en datas vindeiras o seu manexo das ferramentas da Administración Electrónica. Máis en detalle, o seu manexo da Historia Social Única Electrónica (HSUE), a plataforma que xunta nun mesmo sistema toda a información relacionada coa persoa que é usuaria dos servizos sociais. A formación, que vén da man da Xunta e os propios Concellos, porá o foco no persoal técnico da dita área.
A HSUE, para quen non o saiba, foi desenvolvida pola axencia autonómica AMTEGA e ten a gran vantaxe de posibilitar a coordinación de todos os axentes que participan no fornecemento dos servizos sociais, achegando un extra de eficiencia na xestión e calidade na atención. A día de hoxe só fican 12 concellos pendentes de formalizar a súa adhesión á plataforma.
Funcionalidades e vantaxes
A plataforma permite aos profesionais da área social das administracións, previa autorización, consultar os datos relativos á historia social dunha persoa, incluíndo a súa situación familiar, as súas demandas, as prestacións que recibe, así como as valoracións e intervencións de seguimento realizadas. Tamén teñen información referente a profesionais, a institucións e a organizacións que actúan no ámbito social. O sistema contén máis de 650.000 historias sociais electrónicas. Amais, a ferramenta garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado electrónico por parte dos profesionais, que acceden soamente aos datos necesarios para levar a cabo o seu labor.

PUBLICIDADE