A función Click-To-Buy de YouTube chega a España

xoves, 22 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Como exemplo podemos ver que durante un videoclip de Katy Perry aparecen os botóns de compra da súa canción en Amazon MP3 e iTunes

En outubro YouTube comezou a incorporar a algúns vídeos botóns Click-to-buy que facilitaba a compra das cancións que se estaban a escoitar en iTunes ou Amazon MP3. O mesmo mecanismo se aplicaba a trailers de videoxogos ou a fragmentos de series de televisión e películas, o que foi todo un éxito e, por exemplo, as vendas dos DVD dos Monty Python aumentaron un 23.000% grazas a esta innovación que levou ao grupo de cómicos a ocupar o segundo posto en vendas de DVD en Amazon.
Agora YouTube anuncia que está a espallar esta solución tecnolóxica fóra dos EE.UU. e do Reino Unido, chegando a países coma España, Alemaña e Países Baixos, destacando que as suxestións de compra non se producen só en videoclips oficiais dunha canción en concreto, senón que se identifica a música segundo o seu contido para instar á súa compra.