A galega Binarial, adxudicataria de dous retos estratéxicos do Ministerio de Defensa
mércores, 3 de xuño do 2026
A empresa tecnolóxica galega Binarial (Binarial Automatización e Robótica), con sede no Milladoiro (Ames) e especializada no desenvolvemento de proxectos de robótica e automatización industrial, foi confirmada en Sevilla como adxudicataria de dous retos estratéxicos do Ministerio de Defensa.
A validación, outorgada pola Armada Española, o CDTI e AINDEF, supón a aplicación directa da súa arquitectura de Intelixencia Artificial Física (Physical AI) ás contornas tácticas multidominio máis esixentes do panorama actual.
Xunto a referentes da industria nacional, a enxeñería galega trasladará a tecnoloxía que xa opera con éxito nas súas plataformas robóticas autónomas (AMR) a dúas áreas críticas:
-Proxecto NÉBOA (en consorcio con Navantia). Desenvolvemento dun sistema de toma de decisións para garantir unha navegación marítima cento por cento autónoma, pasiva e explicable. Esta arquitectura asegura a operatividade total en contornas de sinal satelital denegada, garantindo misións sen dependencias externas.
-Proxecto TETHRA (en consorcio coa tecnolóxica SATEC). Arquitectura avanzada de mando e control para enxames de drons mariños baseada en redes descentralizadas. O sistema permite a cooperación autónoma e a reorganización topolóxica instantánea ante a perda de unidades, eliminando a vulnerabilidade de depender dun servidor central.
Segundo explica a empresa galega, “a confirmación destes proxectos certifica de forma obxectiva a madurez e o carácter dual das solucións de Binarial”. Este respaldo, engaden, “sitúanos nun escenario óptimo para acelerar a nosa folla de ruta, marcada pola evolución cara á robótica humanoide e os sistemas de IA encarnada (Embodied AI)”.
O desenvolvemento desta enxeñería desde as súas instalacións en Milladoiro reafirma a capacidade de Binarial para xerar alianzas estratéxicas de alto valor.
“Lograr este nivel de recoñecemento competitivo é o resultado directo da nosa aposta constante pola I+D de vangarda en Physical AI. A verdadeira soberanía constrúese desde o talento e a capacidade de execución, garantindo sistemas autónomos avanzados sen dependencias de terceiros”, destacan desde a dirección técnica de Binarial, engadindo que “con este paso apontoamos a nosa posición tecnolóxica e preparámonos para liderar o despregamento da IA no mundo físico, abrindo a porta a novas integracións que definirán a robótica do futuro”.
Binarial deseña e desenvolve plataformas robóticas de nova xeración, desde vehículos autónomos móbiles (AMR) ata arquitecturas avanzadas encamiñadas á robótica humanoide. A súa misión é dotar de intelixencia, adaptabilidade e autonomía plena ás máquinas que operan nas contornas máis complexas e esixentes.
