A galega Probotec pon a robótica ao servizo das pemes alimentarias e da automoción
mércores, 4 de maio do 2022- Sonia Peteado, nova directora de I+D de Probotec, e Hugo Barreiro, de ANFACO
Entre
as firmas que están a ser apoiadas en materia de proxectos
innovadores pola axencia GAIN e InnovaPEME (complementado con
DeseñaPEME, os dous programas nas súas novas convocatorias
achegando un orzamento de 2,8 millóns) atópase a empresa viguesa
Probotec, firma de automatización
e fabricación industrial que constitúe un caso de éxito
salientábel ao abeiro do devandito programa autonómico, na súa
edición de 2021.
Probotec
é unha empresa especializada en automatización industrial.
Comezou a súa andaina a inicios do ano 2000, ofrecendo solucións de
programación robótica e hoxe en día xa subministra un servizo
integral de automatización “chave en man” para sectores como a
automoción ou o sector alimentario, entre outros. No pasado ano 2021
decidiron formalizar un plan de innovación, creando un departamento
destinado a este obxectivo. O plan buscan incrementar a súa
competitividade especialmente no sector alimentario e desenvolver
novos produtos e servizos innovadores. En concreto o equipo de
Probotec está a traballar na creación dunha célula robotizada
facilmente transportábel, versátil e modular, ao servizo das
industrias e dos seus procesos de transformación, automatización,
intelixencia e eficiencia. Ademais desta célula robotizada están a
desenvolver da man doutra empresa tecnolóxica, Xoia, unha aplicación
de Realidade Aumentada que lles permitirá ensinar aos seus clientes,
mediante tecnoloxía de última xeración, como quedaría a dita
célula en condicións reais antes da súa instalación sobre o
terreo.
Para
levar a cabo este plan, Probotec tamén conta co apoio da
confederación de empresas do mar e conserveiras ANFACO-CECOPESCA,
que desde o seu centro tecnolóxico impulsa máis de 70 proxectos de
I+D+i anuais.
Volvendo
ás axudas de InnovaPEME, sinalar que son axudas ás pequenas e
medianas empresas destinadas ao financiamento do custo das
actividades integradas en plans de innovación, que lles permitan
sistematizar os procesos de innovación e estean aliñadas coas
prioridades establecidas na RIS3 para Galicia. Son apoios cunha
subvención a fondo perdido dunha intensidade do 50% para todos os
custos de implementación do plan de innovación da empresa,
incluídos custos de persoal propio. Desde a súa posta en marcha no
ano 2017 InnovaPEME beneficiou a 160 empresas, 36 na última
convocatoria, abranguendo 14 sectores e creando/mantendo máis de 760
empregos. Esta axuda caracterízase por subvencionar até o 50% do
orzamento total.