A galega Simply Smart desenvolve unha pioneira plataforma cloud de xestión de facturas

luns, 23 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

A empresa galega Simply Smart, emprazada en Santiago de Compostela, desenvolveu unha plataforma de xestión documental cen por cen en liña que permite -entre outras funcionalidades- a dixitalización de facturas certificadas. A ferramenta, que segundo os seus creadores é totalmente pioneira nas súas características e na súa operatividade, posibilita a destrución do papel na nosa oficina amais de pór un extra importante de axilidade no noso traballo cotián. Por certo que a plataforma tamén ten a vantaxe de estar en constante evolución. A comezos deste ano introduciuse un novo recurso para a sinatura de contratos en liña, “cumprindo tanto a normativa española como a europea nestes termos”.
O resultado de todo isto, en termos máis concretos, é unha ferramenta galega que “reduce nun 82% os custos na sinatura de contratos tanto laborais como mercantís”. Ademais, ten a vantaxe de atinxir a un amplo abano temático de datos. En palabras dos seus desenvolvedores, “a plataforma dixital permite manexar dunha forma áxil e sinxela todo o volume de documentos, desde facturas a contratos, a través da Rede”. Ou sexa, que posibilita dixitalizar facturas de provedores, xerar facturas de venda ou realizar sinaturas de contratos ou orzamentos a través dunha única web “e sen necesidade de instalacións ou soportes por parte dos clientes”.
SMVeritas.com, así se chama a ferramenta, foi ademais o primeiro sistema de administración dixital dirixido á supresión do papel nas actividades económicas que obtivo a homologación Axencia Tributaria Española Ou sexa, que cumpre coa normativa estatal (a Lei 59/2003 de sinatura electrónica) e coa Directiva 1999/93 da Unión Europea. Segundo informan fontes de Simply Smart, cómpre que lembremos que a devandita normativa será actualizada o próximo mes de xullo, transformándose nun novo regulamento que vai permitir, entre outros aspectos, que os certificados recoñecidos na sinatura electrónica de contratos dun Estado membro teñan a mesma validez legal no resto de Estados da Unión Europea. Desta forma, a través de SMVeritas.com, “facilítase enormemente a sinatura de contratacións de servizos entre empresas de países pertencentes á Unión”, engaden.
SMVeritas está orientada tanto a PEME como a grandes compañías ou multinacionais con delegacións en diferentes localizacións “posto que posibilita unha xestión común e única desde calquera punto xeográfico”. Trátase pois dun servizo de computación na nube en toda regra.

PUBLICIDADE