Na Rede todo o que precisamos saber sobre o Certame de Microrrelatos das Letras Galegas da Xunta e CLUN

martes, 30 de abril do 2024 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude), e a empresa galega láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, botaron a andar este martes 30 de abril a XII edición do Certame de Microrrelatos para celebrar o Día das Letras Galegas entre toda a sociedade. O obxectivo será “incentivar o pensamento creativo e a lectura en lingua galega”. Para impulsar estes desafíos xa está a pleno rendemento a web da iniciativa, leiteratura.feiraco.es. Tamén teremos información completa no Portal da Lingua de Política Lingüística.
No acto de presentación, celebrado na libraría compostelá Follas Novas, participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou a novidade desta edición, que inclúe, por primeira vez, a participación do público adulto “pero sen deixar de lado a mocidade, na cal radica o futuro da nosa lingua e a que alentamos sempre a soñar, crear e imaxinar na lingua propia igual que no seu día fixo Luísa Villalta”.
Canda o representante autonómico tamén participaron o director xeral de CLUN, Juan Gallástegui; a directora do departamento de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey; o fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva, e a comunicadora Esther Estévez, e madriña desta iniciativa.
Certame aberto á sociedade
Esta nova edición establece dúas modalidades de participación, unha para alumnado de secundaria (a partir de 12 anos) e outra para adultos (de 18 anos en diante).
Na categoría xuvenil, o profesorado responsábel dos centros educativos deberá seleccionar o mellor relato de cada curso e presentalo en formato PDF, xunto co formulario que aparece na web do concurso.
O prazo de recepción dos traballos en ambas as dúas modalidades estará aberto ata o 18 de maio.
Os textos, que versarán sobre unha temática libre, serán orixinais, estarán escritos en galego e non poderán superar as 500 palabras. Ademais, deberán cumprir o requisito de comezar pola frase Púxenme a escoitar, seleccionado dun texto de Villalta.
As bases completas para participar poden consultarse no Portal da Lingua Galega.
Os premios
O xurado do concurso, integrado por persoal da Secretaría Xeral da Lingua e da empresa láctea, valorará a orixinalidade, a creatividade, así como o coidado na redacción e o uso correcto da lingua galega.
Tanto nunha coma noutra categoría establécense tres premios. A persoa a quen se lle conceda o primeiro premio recibirá un lote de produtos Feiraco, un ano de libros en galego e o regalo da vaca suxeitalibros; a galardoada co segundo levará un lote de produtos Feiraco e un ano de libros en galego, e quen gañe o terceiro será agasallado cun lote de produtos Feiraco e unha selección de libros de Luísa Villalta.
Na anterior edición, que contou cunha boa participación, gañaron os colexios CEIP Nosa Señora das Dores, de A Coruña, e IES Urbano Lugrís, de Pontevedra.
Practicando a Leiteratura
A directora de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey, explicou que “con este certame queremos reivindicar a lectura facendo un chamamento a practicar a Leiteratura. Xa que a lectura e o leite maridan moi ben, e aportan noso momento de desconexión diario que precisamos. Leiteratura é un momento para deixar as pantallas e dedicar á lectura. Recuperando ese espazo que os móbiles, ás veces sen darnos conta, rouban á lectura.”
Pola súa banda, Juan Gallástegui, director xeral de CLUN, destacou que “o leite e a literatura son dous dos principais produtos de Galicia. A súa unión fala de pasado, presente e futuro. Fala dos galegos e galegas e do que somos quen de conquerir co esforzo de cada día. E que mellor día para celebrar este propósito que o Día das Letras Galegas”.

PUBLICIDADE