A industria española do videoxogo pide un maior apoio institucional

mércores, 28 de maio do 2025 Redacción

A Asociación Española de Empresas Produtoras e Desenvolvedoras de Videoxogos e Software de Entretemento (DEV) presentou a undécima edición do Libro Branco do Desenvolvemento Español de Videoxogos, un informe de referencia que radiografía o estado actual da industria do videoxogo en España. O documento, elaborado con datos achegados por 815 estudios activos, inclúe un chamamento explícito ao Goberno e ás comunidades autónomas para implantar medidas que garantan o crecemento do sector, entre as que destacan os incentivos fiscais á produción de videoxogos.
Segundo as estimacións incluídas no informe, a aplicación dunha dedución fiscal do 20 % no imposto de sociedades podería multiplicar por catro a facturación do sector ata o 2028, superando os 5.500 millóns de euros. Ademais, o número de empregos directos podería duplicarse, chegando ás 23.000 persoas empregadas en 2030. A proposta de DEV vai acompañada dunha demanda de modificación lexislativa para equiparar o tratamento fiscal do videoxogo co doutros sectores culturais como o audiovisual ou as artes escénicas.
O informe tamén fai balance da evolución recente: en 2023 o sector facturou 1.425 millóns de euros, cun crecemento do 3,1 % respecto ao ano anterior. O número de traballadores ascendeu a 10.259, cun 89 % de contratos indefinidos e unha presenza feminina do 26 %, superior á media europea. A concentración do emprego e da facturación segue a estar en mans dunha minoría: só o 2 % dos estudios superan os 50 millóns de euros anuais, pero xeran case a metade dos ingresos totais.
En canto á distribución xeográfica, Cataluña (32 %) e Madrid (23 %) concentran a maior parte dos estudios constituídos, seguidas por Andalucía (13 %) e a Comunidade Valenciana (10 %). Galicia só representa o 3,1 % do sector (cando o ano pasado rexistraba o 4,3 % dos estudios).
Aínda que dende DEV queren fuxir do pesimismo provocado polo peche de estudios como Novarama ou Tequila Works, recoñecen a dureza da actual crise post COVID-19, chegando a considerar o 83 % dos estudios que están en risco se a crise no sector dura un ano máis.
O Libro Branco tamén aborda cuestións como as necesidades formativas e financeiras dos estudios. O 45 % manifesta dificultades para atopar perfís profesionais cualificados, especialmente programadores e artistas técnicos, debido a unha formación pouco adaptada ás esixencias do mercado. No ámbito do financiamento, a maioría dos estudios dependen de fondos propios e autofinanciamento, mentres que só o 27 % accedeu a axudas públicas en 2023.
Outros aspectos destacados do informe inclúen o crecemento do uso de intelixencia artificial xerativa, empregada xa polo 54 % dos estudios, e o protagonismo da propiedade intelectual propia, que supón o eixo principal do modelo de negocio do 88 % das empresas.
Con este documento, DEV busca visibilizar a importancia estratéxica do sector, fomentar a súa profesionalización e reclamar políticas públicas que impulsen unha industria que, malia o seu potencial tecnolóxico e creativo, aínda non logra situarse entre as máis fortes de Europa.

Se atendemos aos datos do Libro Branco a presenza de Galicia na industria do videoxogo é moi feble, con só o 3,1 % dos estudios (o que supón unha caída fronte ao ano pasado)

Vídeo da presentación do novo Libro Branco