A nosa TDT autonómica queda sen presenza de medios privados

martes, 6 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O panorama audiovisual galego confirma os malos presaxios que apuntaban ás dificultades para emprender iniciativas privadas de éxito na TDT, e así, ao igual que a canle autonómica Popular TV pechou en 2013, o ano 2018 iniciou co cesamento de emisións de V Televisión, sen ningún tipo de comunicado por parte da empresa propietaria da canle autonómica, o Grupo Voz, deixando en solitario á CRTVG para atender a demanda de contidos televisivos de proximidade.
Cómpre salientar que entre televisión locais e autonómicas apenas chegaban ao 1% da audiencia, o que xunto ao reducido tamaño do sector publicitario galego provocaba uns ingresos incapaces de soster negocios neste sector tan competitivo que non só compite coas emisións a través das ondas hertzianas, senón que cada vez ten na Internet un rival máis complicado de superar, xa que o consumo de vídeo baixo demanda muda hábitos dun xeito profundo, facilitando a visualización en distintos dispositivos e lugar, e liberando ao espectador das grellas televisivas.
No caso de V Televisión o cesamento de emisións foi extraordinariamente opaco, culminando unha desintegración que iniciaba a finais de 2016, cando rematou o programa insignia da cadea, Vía V, espazo de debate conducido por Fernanda Tabarés, que acadara un éxito notable, pero que non era dabondo para soster toda unha cadea. A mediados do ano pasado V Televisión erradicou a súa presenza na Rede, con medidas impropias de medios de comunicación, como a eliminación da súa conta de Twitter (o que supón un borrado de contidos que como mínimo sería irresponsable) ou a transformación da páxina de Facebook de V Televisión pola de Galicia en Concellos (o que poderiamos describir como un secuestro de subscritores). En contraste, o espazo Más que contar, presentado por Gladys Vázquez, mantense de luns a venres na canle de YouTube de V Televisión.
Tras o peche de V Televisión queda un grande baleiro no múltiplex autonómico da TDT (unha grande oportunidade para que a TVG inicie emisións en alta definición?) e no panorama televisivo galego, xa que agora só quedan na nosa comunidade unhas poucas canles de TDT locais (RTV Eume, Ferrol TV, 7 Canal Rías Baixas, Correo TV, Telelugo, Telemiño, Localia Auria TV, Localia Televigo, Nós TV e TeleVinte) que na meirande parte dos casos teñen poucos contidos de produción propia e emisións moi irregulares e con cobertura reducida.

PUBLICIDADE